O PP rexeita as 350 emendas presentadas polo BNG aos Orzamentos da Xunta 2017
- Ana Pontón: “Feijóo demostra que a súa palabra non vale nada e que non quere utilizar os orzamentos para mellorar a vida dos galegos e galegas”
- A nacionalista manifestou que Feijóo ofrece dialogo polo maña e pola tarde práctica o máis “rancio autoritarismo”. A súa negativa a aceptar, nin unha soa emenda, é un “muro de indignidade que demostra que a súa palabra é falsa e mentireira”
Orzamentos. No debate de Orzamentos 2017, que se está a celebrar no Parlamento galego, a portavoz do grupo parlamentario do BNG, Ana Pontón cualificou de “falsa e mentireira” a palabra do Presidente por ofrecer diálogo pola mañá e pola tarde practicar o “máis rancio autoritarismo”.
Pontón asegurou que a palabra do presidente da Xunta “non vale nada” e acusou ao Partido popular de non utilizar os orzamentos para mellorar a vida dos galegos e galegas. Neste sentido, lembrou que o BNG presentou 350 emendas co fin de poñer en marcha unha axenda en defensa dos intereses de Galiza e as maiorías sociais pero o PP, recalcou, “vota non” a acabar co estado de malestar, rescatar a sanidade, educación e política social, a unha tarifa eléctrica contra os abusos e privilexios das eléctricas, a defender o emprego de calidade, a unha nova política industrial, apoiar os sectores lácteo e pesqueiro e aumentar os recursos contra a violencia de xénero.
“Son 350 NONS que converten o debate dos orzamentos , o debate máis importante do ano, nun trámite burocrático.O PP fai unha emenda á totalidade á democracia e dálle as costas ao diálogo e a provocar cambios que sexan útiles para mellorar a vida das persoas e facer progresar a Galiza”.
O goberno, dixo Pontón segue en “stand by é incapaz de rectificar”, a pesar de ser consciente dos problemas e desigualdades.Galiza perde 18.000 habitantes retrocedendo a niveles de hai sete anos, o paro subiu 6.164 persoas en xaneiro, máis de 700.000 persoas viven con menos de 600 euros ao mes ademais do incremento do número de fogares que chegan con dificultades a fin de mes, e vostedes, dixo, seguen presumindo de “crecemento san” nunha Galiza con “máis pobreza, desigualdade e grave problema social e demográfico”.
O BNG propón actuar en seis ámbitos:
Nova política industrial e tarifa eléctrica galega porque é necesario crear emprego e de calidade cun cambio da política industrial e aproveitamento da riqueza do noso país .Apoio ao sector da automoción e freo a deslocalización. Exixir a Ferroatlántica o mantemento da actividade produtiva e dos postos de traballo en Cee, fortalecer os sectores produtivos, con especial atención ao sector lácteo e pesqueiro apostando pola transformación do leite líquido e ordenando o monte galego cara unha produción de madeira de calidade e cunha política forestal atendendo á prevención dos incendios. As emendas presentadas á Consellería do Mar van en dirección contraria as prioridades do Goberno, dende o BNG queremos recuperar os bancos marisqueiros con 2 M€ para a produción de semente, 10 millóns de € para a paralización da actividade por peches, 4.7 millóns de euros para a comercialización da pesca artesanal, marisqueo ou miticultura.
Por outra banda, destacou é urxente “blindar os servizos públicos” polo que propuxo incrementar o persoal na sanidade rescatándoa das privatizacións, “comezando polo Hospital de Vigo”, un Plano para a reducir as listas de espera, destinando 20millóns de euros. Ademais, reiterou Pontón, outro piar do estado de benestar é a educación e criticou o modelo do PP, “modelo elitista, privatizador, desgaleguizador e patriarcal”. A nacionalista propuxo recuperar a gratuidade universal dos libros de texto e apoiar “un ensino universitario onde se prime a investigación e a súa transferencia á sociedade”.
Máis recursos para loitar contra a violencia de xénero
En políticas contra a violencia machista, Pontón destacou, un “ Plan de sensibilización en materia de igualdade e de prevención de condutas e violencia machista cunha dotación de 1M€, dotar de medios humanos e recursos ao IMELGA con 436.000 euros e o Plan de Formación e atención ás vítimas de violencia de Xénero con 278.389 euros”.
Pontón apelou ao desenvolvemento sostible, a través do apoio á compostaxe cun plan de plantas de compostaxe comarcais, apostar pola calidade das augas, saneamento e rexeneración integral das rías así como crear a “Compañía ferroviaria galega” para a posta en marcha de cercanías.
A nacionalista pediu que o Goberno deixe de laiarse pola perda da galegofalantes e destine máis recursos económicos, materiais e humanos para “lixar prexuízos e estereotipos, apostando por unha lingua rica que nos conecta ademais con todo un abano de países, pobos e culturas no espazo lusófono”. Temos, insistiu Pontón a posibilidade de abrir oportunidades culturais, artísticas mais tamén económicas e políticas coa lusofonía a través da CPLP. “Hai un mundo de oportunidades se nos decidimos a camiñar sen tutelas”.
Fronte a uns orzamentos do PP sen ambición nin proxecto de país, que consolidan os recortes e desigualdades, desde o BNG presentamos 350 emendas que aportan un xiro social, polo emprego de calidade e cun programa ambicioso de país que permita poñer fin ao espolio dos nosos recursos. “Non constrúan co seu non un muro na Galiza ao diálogo e aos acordos de país, e sobre todo, non se ceguen pola soberbia de ter unha maioría, pois iso dálles lexitimidade para gobernar pero non lle dá a razón sempre en todo”, concluíu.