O PP responde ao BNG que a Xunta segue adiante cos recursos contra o pago das extras
Tereixa Paz acusou á Xunta de declararse en rebeldía por non acatar as sentenzas xudiciais que obrigan o abono da paga extraordinaria aos empregados/as públicos
A deputada do BNG, Tereixa Paz negou hoxe as afirmacións do director xeral de Función Pública, José María Barreiro que xustificou a retirada da paga extra dos funcionarios pola crise económica.
Na pregunta parlamentaria do BNG sobre o cumprimento das sentenzas que prevén a devolución de parte das pagas extras non abonadas aos empregados/as públicos, Tereixa Paz afirmou que ninguén traga coa escusa da crise económica esgrimida polo Partido popular para xustificar a medida. Cargar ás costas dos empregados públicos a recuperación podiamos telo tragado, dixo, en agosto ou setembro do 2012 pero pasado ano e medio, parécenos infame que nos diga que existen signos de recuperación económica cando os índices do paro medran, baixa o número de persoas afiliadas á Seguridade Social e cada día aumenta o risco de pobreza e exclusión social.
Ese argumentario, a estas alturas, xa non cola en ningún sitio, manifestou a deputada que ademais acusou ao Partido popular de falta de vontade para negociar cos representantes dos empregados/as públicos a restitución dun dereito confirmado por un gran número de sentencias do mes de novembro.
Por outra parte, a nacionalista alertou da confusión de Barreiro Díaz ao referirse a un devengo como unha remuneración. Aquí o que se cuestiona, explicou, non é o día que se percibe a remuneración senón cando se xera o dereito a mesma, período anterior á decisión tomada polo Consello de Ministros.
O director xeral de Función Pública reiterou que os recursos continúan o seu proceso preguntando a deputada cánto lle vai custar ao erario público esta decisión da Xunta e se non sería máis rendible renunciar e mediar cos representantes dos empregados/as públicas para restituír ese dereito.