PP recorta este curso case 1.000 docentes para 20.000 alumnos e alumnas máis que 2009
O portavoz nacionalista de Educación, Manuel Lourenzo, recriminou no Parlamento galego ao conselleiro de Educación, Román Rodríguez, que “o dato que vostede está a propoñer para este curso académico implica que temos case 1.000 profesores e profesoras menos que no ano 2009 e con 20.000 alumnos e alumnas máis no sistema educativo, como reflicten os datos do IGE”.
“Isto é do que vostedes veñen a presumir aquí”, reprochou ao titular da consellería durante a súa comparecencia na Cámara galega logo de reprobar o seu baile de cifras ao longo das últimas semanas. Así, recordou que despois da resolución da Xunta publicada no DOG o 2 de agosto e que reflectía 700 docentes en relación ao curso anterior –“isto é o DOG, non é un exercicio de fe”, criticou-, tan só unha semana despois o conselleiro avanzaba nos medios de comunicación que este ano as aulas galegas ían contar con 31.000 profesores e profesoras e tan só uns días despois “xa non serían 31.000 senón un número similar que antes da pandemia, cifra que ascendía a 30.045 docentes”.
“Unha semana despois xa non son nin 31.000, nin 30.045 -seguiu repasando-, senón que di entón que será un número aproximado ao deste ano; comeza o curso e resulta que nas vacantes da consellería hai 700 prazas sen cubrir e, hoxe, vostede nos di aquí que temos 11 profesores máis que o ano pasado”.
Lourenzo quixo evidenciar así a manipulación dos datos de profesorado por parte do Goberno do PP ao que acusou de converter a Consellería de Educación “nun fortín no que os datos son sempre nebulosos, parciais, interesados e no que son incapaces de ofrecer a información que se pide”. Así pois, retou á Xunta a ofrecer a desagregar os datos e dar conta, coa mesma data, da “evolución desagregada por niveis educativos do que está a acontecer co profesorado”.
“Vostedes non facilitan ese dato porque, máis alá de que a FP estea subindo en todo Estado, saben perfectamente que os recortes se están cebando coa maioría do alumnado, na Educación Infantil, na Educación Primaria, na Educación Secundaria e no Bacharelato”, recriminou, para reprobar a continuación ao conselleiro que sexa capaz “de negar mesmo o que lle está a dicir o Consello de Contas, que afirma que vostedes se cargaron nunha década un de cada 10 profesores no sistema educativo, o 10%”.
Así pois, o deputado nacionalista insistiu en emprazar ao titular da consellería a facilitar o dato desagregado da evolución de profesorado por niveis educativos “porque se non o dá, estará a demostrar que vén a contar a mesma película que o curso pasado, cando negaba os recortes e que finalmente se demostrou, cos datos da propia consellería, un recorte de case 900 profesores e profesoras”.
Nesta liña, tamén criticou ao Executivo galego que presuma de axudas ás familias cando, “despois de eliminar a gratuidade dos libros de texto que nunca deberon cargarse”, segundo os propios datos de Educación e sacando os réximes especiais, máis da metade das familias non recibe ningún tipo de axuda nun inicio de curso marcado pola crise de prezos e no que se ven obrigadas a afrontar gastos que oscilan entre os 400 e os 1.200 euros.
“O seu problema é que veñen aquí a vender unha realidade paralela que non ten nada que ver coa realidade que están a vivir as familias”, criticou, para engadir que o PP está a empregar as Administracións para favorecer o ensino privado. “Si, vimos a este Parlamento a facer política, política educativa para evitar que vostedes convertan o ensino público nun negocio; nós sempre estaremos co ensino público”, respondeu con contundencia ao conselleiro para concluír.