O PP quere ser primeira forza nas Institucións sen os votos da cidadanía

Francisco Jorquera cualifica de “Golpe de Estado legal” á democracia a reforma electoral iniciada polo Partido popular co impulso e aplauso de Núñez Feijóo

 O portavoz do Grupo parlamentario do BNG, Francisco Jorquera tachou hoxe de “extrema gravidade” a proposta de reforma electoral impulsada polo Partido popular.

Tras a reunión da Xunta de portavoces para elaborar a orde do día da vindeira sesión plenaria, Jorquera anunciou que preguntará ao presidente se considera que se pode falar de rexeneración democrática e “cambiar as regras de xogo en función dos intereses do Partido popular”.

Golpe de Estado legal  para reter a maioría que o PP sabe perdida

Para o nacionalista, é “de extrema gravidade” que o PP pretenda levar a cabo un “Golpe de Estado legal”, co aplauso e impulso de Feijóo e cambiando as as regras do xogo a cinco minutos do partido para intentar “reter unha maioría que sabe perdida”.

Por outra parte, explicou que resulta falso a escolla directa de alcalde porque o cabeza de lista é escollido polo partido e os cidadáns votan candidaturas pechadas. O PP, manifestou, pretende outorgar á primeira forza un “plus de sobrerepresentación” contraria á atribuída polos cidadáns e polo tanto, “non todos os votos valerán o mesmo”.

O PP quere gobernar sen os votos da cidadanía

Coa reforma electoral do PP, explicou, o Parlamento deixará de ser a expresión democrática da cidadanía e para defender a representacións da sociedade nas institucións, o BNG presentará unha Proposición de lei ante o Congreso co fin de modificar o artigo 182 da LOREX e impedir “situacións vergoñentas” como a da corporación de Santiago conformada por concelleiros/as non electos polos cidadáns.

Membros do Padroado das Caixas elixidos con nocturnidade e alevosía

Noutra orde de cousas, Jorquera aludiu ao escrito presentado polo BNG na Cámara galega relativo á escolla dos membros do Padroado Galiza Obra Social das extintas caixas de Aforro galegas, elección dixo, feita con “nocturnidade e alevosía” pola Mesa do Parlamento cuxa función é organizar o traballo e réxime interior da Cámara cinguíndose a ordenar e regular “a forma de elección” pero non atribuírse a decisión final impedindo o debate a deputados e deputadas. Outro exemplo máis, abondou de “perversión dos funcionamentos democráticos”.

Reprobación de Juárez ante a desproporcionada carga policial na visita da chanceleresa, Angela Merkel, a Santiago

O BNG pedirá a reprobación do Delegado do Goberno, Samuel Juárez polo acontecido na recente visita de Merkel a Santiago, unha actuación, dixo Jorquera, exemplo da estratexia de “recortes de liberdades e criminalización das protestas” e persecución dos colectivos sociais agredidos.

Asemade, o parlamentario denunciará na vindeira sesión plenaria as “falsas acusacións” do Delegado do Goberno que tachou de violentas ás persoas que protestaron “de maneira pacifica”, situación que por outro lado, engadiu, retrotráenos aos tempos das “manifestacións ilegais”.

Entre as propostas que serán debatidas no pleno á iniciativa do BNG figuran tamén: As condicións de deterioro do profesorado, a restitución das axudas a centros educativos que segregan por razón de sexos e unha Declaración Institucional contra os ataques do Estado de Israel a Gaza.

A preguntas dos xornalistas sobre os datos de desemprego, o parlamentario asegurou que a pesar de non ser malos o emprego creado "é precario" e por horas e lembrou que as taxas de desocupación  seguen sendo máis altas en Galiza que no resto do Estado e Europa. Antes, dixo, ter un posto de traballo en Galiza garantia unha vida digna, agora, non", concluíu.