parlamento galego

PP e PSOE votan en contra de restaurar o texto fidedigno do himno galego

Comisión promotora ILP

Mercedes Queixas afirmou que “temos himno porque temos sentimento de patria” e apelou a restitución da letra do himno e a súa posta en valor, tras 40 anos do recoñecemento oficial do poema de Pondal

“Falou a filoloxía e falou a sociedade a favor da restitución da letra do noso himno  para colocar un punto final a un pretérito imperfecto e abrir un novo parágrafo a un futuro incondicionado”

A deputada do BNG, Mercedes Queixas lamentou que os votos en contra do PP e PSdG impediran que prospera a Iniciativa Lexislativa Popular, avalada por máis de 16.000 persoas para a restauración do “texto fidedigno” do himno galego e a súa difusión.

Na súa intervención, a nacionalista afirmou “temos himno porque temos sentimento de patria” e apelou a restitución da letra do himno e a súa posta en valor, tras 40 anos do recoñecemento oficial do poema de Pondal.

Queixas recalcou que “falou a filoloxía, falou a sociedade a favor da restitución da letra do noso himno e  colocar un punto e final a un pretérito imperfecto e abrir un novo parágrafo a un futuro incondicionado”.

Desde o BNG, dixo,  queremos contribuír ao consenso co noso voto a favor por respecto ao alto valor literario do poema “Os pinos” de Pondal, por respecto á investigación filolóxica do profesor Ferreiro e  por respecto á representación simbólica colectiva que representa para o pobo galego o noso himno.

Hoxe a prioridade, “é  pensar en Galiza desde nós e votar en clave galega” e conforme ás demandas galegas. Neste sentido,  lembrou que existe un  precedente no pleno do pasado mes de xullo co consenso que  permitiu  aprobación unánime da Lei do Panteón de Galegas e Galegos Ilustres.

A respecto da proposta do PsdG de crear unha comisión de estudo “previa ao proxecto de lei”, a deputada replicou que é preciso respectar  o formato da ILP. “Hoxe votamos a admisión a trámite, o comezo do camiño” e no desenvolvemento da ponencia posterior xa será incluído  o trámite de audiencia de quen for preciso. “Estamos no final da lexislatura e entendemos que non debe haber máis demoras”, reiterou.

“Temos himno porque temos sentimento de patria”  e dende o BNG subscribimos esta afirmación do músico Pascual Veiga que verbalizou un pensamento para ser unha  realidade  na primeira interpretación musical do poema “Os pinos” de Pondal o 20 de decembro de 1907 no Gran Teatro da Habana.

Temos poema, temos himno porque temos lingua e temos historia.

A necesidade de fixar os tres símbolos principais nacionais (bandeira, escudo e himno) é algo común na maioría das nacións europeas ao longo do século XIX para  proclamar a súa identidade e soberanía, revelar o seu pasado e a súa vontade de permanencia.

A partir de 1880 sucédense diferentes iniciativas dun proceso que levou a facer coincidir varias propostas, mais a simbiose poético musical veigapondaliana conseguiría a declaración de oficialidade para todos os actos do Centro Galego da Habana, o primeiro paso antes de voltar a partitura a Galiza e espallar a súa  interpretación en actos solemnes e institucionais.

Até chegarmos á páxina definitiva desta historia, asinada polas Irmandades da Fala quen, en 1916, declaran o himno pondaliano como himno nacional galego, completándose o proceso de popularización ao ser incorporado en todo tipo de actividades culturais.

A ditadura non conseguiu acabar coa conciencia do exilio  en América

A proscrición e penalización do noso himno na ditadura militar fascista non impediu que sobrevivise a conciencia  do exilio nas comunidades galegas en América.

Recuperado con normalidade polas organizacións políticas democráticas, unha vez rematada a ditadura, o himno pondaliano é institucionalizado na Lei de Símbolos de Galiza aprobada no Parlamento galego en 1984, destacando a “necesidade de oficializar a letra e  música que Pondal e Veiga. “Recuperado hai case 40 anos pero non restituído”, criticou  a deputada.

A transmisión irregular do poema de Pondal, como ten analizado o profesor Manuel Ferreiro, máximo especialista e investigador do noso himno e da obra de Eduardo Pondal, explicou Mercedes Queixas,  “xustifica que sexa necesario restituír a letra que se recolle na Lei de símbolos para rehabilitar o noso símbolo nacional colectivo” para  poñer fin ao que a profesora e exdeputada desta cámara, Pilar García Negro, denomina como “Historia parlamentar inconclusa”.

Desde o BNG, queremos agradecer e parabenizar a Vía Galega e Galiza Cultura por esta proposta e o noso apoio está amparado por tres principios: “a xustiza histórica, a reparación da verdade e o rigor científico”.

A descuberta das redaccións manuscritas, e, sobre todo, da primeira publicación do texto (única autorizada polo poeta) en 1890, así como a vontade explícita do autor de liberar o texto “de non poucas erratas” , tal e como lle escribiu por carta a Fontenla Leal en 1913, convértense en argumentos científicos e académicos para avalar as necesarias correccións, respectando sempre a vontade autorial.

“Tócalle a esta cámara continuar a espertar do seu sono e colocarse á altura dunha sociedade que xa acordou que os tempos son chegados”, concluíu.