PP e PSOE vetan a proposta do BNG no Senado para “sacar do punto morto” a negociación do convenio colectivo de Navantia
A iniciativa do BNG, rexeitada na Comisión de Traballo e Economía Social da cámara alta, procuraba introducir melloras nas condicións laborais e salariais
Carme da Silva: “É unha cuestión de máxima relevancia económica e social para Navantia Ría de Ferrol, unha zona economicamente deprimida”
O BNG lamenta que PP e PSOE, a pesar de que apoiaron as propostas BNG sobre o Plan Industrial e o reparto equitativo de efectivos, rexeiten agora impulsar o convenio
A senadora do BNG, Carme da Silva, defendeu unha iniciativa na cámara alta que tiña por obxectivo instar o Goberno do Estado a reactivar a negociación do convenio colectivo e impulsase melloras nas condicións laborais e salariais dos traballadores e traballadoras da empresa pública de Navantia. Entre os puntos rexeitados por PP e PSOE, destacan a redución da xornada anual, o estabelecemento dun sistema obxectivo de promoción profesional, recuperación do poder adquisitivo incorporando como indicador o IPC ou permitir a xubilación anticipada aos 61 anos. O BNG lamenta que as formacións políticas estatais rexeiten esta proposta que procuraba, ademais, atender especialmente a unha comarca como Ferrol, zona economicamente deprimida.
Case tres anos despois de parálise no relativo á negociación do convenio colectivo da empresa pública de Navantia, a organización nacionalista a través da súa senadora, Carme da Silva, defendeu a necesidade de reactivar a negociación e avanzar na mellora das condicións laborais e salariais das traballadores e traballadoras repartidos nos centros de traballo na Ría de Ferrol, na baía de Cádiz, en Cartaxena e Madrid.
“Os traballadores e traballadoras non poden continuar esperando por un convenio xusto. A demora do convenio está a provocar consecuencias directas e indirectas e mesmo tensións sociais e laborais de todo tipo en Navantia Ría de Ferrol, sen esquecer o impacto sobre o calendario de produción dado que se están acumulando retrasos” afirma Carme da Silva. Desde o BNG, e co máximo respecto á autonomía das partes, “queremos desbloquear esta situación e que se lidere a reactivación da negociación do convenio e que se introduzan melloras”.
Trátase, explica a senadora do BNG, de configurar unha empresa moderna, produtiva e competitiva e, para isto, é necesario contar cun convenio actualizado que regule as relacións laborais. Cuestións fundamentais e moi importantes para os traballadores e traballadoras do centro de traballo localizado na Ría de Ferrol que, a día de hoxe, ten 1.800 persoas empregadas de forma directa, que habería que sumar os empregos indirectos procedentes da industria auxiliar. “Unha cuestión de máxima relevancia económica e social para toda a comarca nunha zona economicamente deprimida” lembra da Silva.
Ante a emenda presentada polos populares, a senadora do BNG rexeitou a súa incorporación por, entre outras cuestións, terse aprobado outras iniciativas defendidas polo BNG na cámara galega e no Congreso. A parte en que falan de instalacións, da que o PP non solicita a recuperación da construción naval civil, reivindicación histórica do BNG e dos traballadores e traballadoras de Navantia Ferrol, xa foi aprobada no Parlamento de Galiza grazas ao BNG. Sobre as incorporacións de 2023, unha iniciativa semellante foi rexistrada pola organización nacionalista, defendida polo deputado Néstor Rego e aprobada na cámara baixa.
PP e PSOE, en contra da proposta do BNG “moi beneficiosa para Ferrol”
A senadora nacionalista lamentou que as formacións políticas de carácter estatal –PP e PSOE- rexeitasen a proposta do BNG posto que, a pesar de ter mencionado o centro de traballo de Navantia Ría de Ferrol durante as súas intervencións, non teñen en conta a repercusión que esta iniciativa tería, ao ser aprobada, nesta zona: unha comarca economicamente deprimida.
“Terán que explicar, PP e PSOE, por que non queren desbloquear unha situación de parálise e por que non queren que o Goberno, como empresa pública, impulse o convenio colectivo das traballadoras e traballadores de Navantia” sinala Carme da Silva. O BNG, avanza a senadora nacionalista, seguirá a traballar para que os traballadores e traballadoras de Navantia Ría de Ferrol teñan mellores condicións salariais e laborais, así como maior carga de traballo que permita construír un futuro próspero nas comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal.