PP opúxose á proposición para rematar coas condicións escravizantes das contratas de Telefónica
A portavoz do BNG no Congreso, Olaia Fernández Davila, puxo de manifesto a situación precaria que viven miles de traballadores e traballadoras de contratas e subcontratas do eido da telefonía e novas tecnoloxías, caso dos afectados de Telefónica e Movistar.
Davila afirmou que as pésimas condicións laborais dos traballadores e traballadoras deste tipo de empresas do ámbito das novas tecnoloxías, como é o caso de Telefónica Movistar, piden que se pare esta desesperante situación que lles levou a secundar unha folga xeral de carácter indefinido para chamar a atención sobre a salvaxe precarización da que son obxecto.
Unha situación laboral incompatíbel cunha democracia
Sinalou que precisamente cando presentamos esta proposición non de lei os traballadores das contratas de Telefónica levaban días de folga. Algúns suspendérona pero outros de empresas de A Coruña as manteñen. Subliñou que a folga permitiunos coñecer de primeira mán unha situación moi precaria que asentou a reforma laboral. Hai miles de traballadores sobreexplotados e vivindo situacións de escravitude. A precariedade é de tal calado que incluso son penalizados no traballo.
Para Olaia Fernández Davila o estado de precarización do mundo laboral é indescriptíbel. Non é posíbel manter estas condicións laborais e dicer que vivimos unha democracia. É incompatíbel dicer que vivimos nunha democracia e admitir esta situación de sobreexplotación.
Denunciou o feito de ter que demandar na proposición non de lei cousas tan elementais como que se cumpra a normativa laboral relacionada co prevención e a proteción da saúde laboral, que se cumpran os Convenios en canto ás retribucións salariais, xornadas, descansos..
A deputada do PP, Ana Belén Vázquez, foi a encargada de explicitar o voto en contra do grupo popular, alegando que a Inspeción de Traballo está investigando esta situación e haberá que agardar ás súas conclusións, e baseándose no acordo concreto acadado con Telefónica Movistar hai pouco tempo. Máis, obviou que hai aínda miles de traballadores e traballadoras nunha precariedade total derivada da reforma laboral deste Goberno.