O PP opúxose á proposición do BNG para unha tarifa eléctrica galega e anular as subastas eléctricas
Rosana Pérez logrou o apoio de toda a oposición parlamentar á demanda de suspender o perverso sistema de interrumpibilidade para fixar os prezos eléctricos para as industrias, de que se volte temporalmente ao sistema anterior de prezos segundo a potencia contratada e o respaldo a que o Goberno se comprometa para evitar que se realicen despedimentos en Alcoa A Coruña e Avilés e en Megasa. Non tivo a mesma sorte a demanda do BNG de estabelecer unha tarifa eléctrica propia para Galiza con prezos máis baixos.
A deputada do BNG someteu a súa moción á votación separada por puntos.
O problema de Alcoa e Megasa non está solucionado, voltará en novembro coas novas subastas.
A deputada do BNG referiuse á situación xerada en decembro pasado con Alcoa A Coruña e Alcoa Avilés, e Megasa debido a quedaren excluidas da primeira subasta eléctrica. Unha subasta que tivo como consecuencia que algunhas importantes empresas ficase fóra das bonificacións e se producise unha situación delicada non só para moitos postos de traballo senón tamén para os territorios onde se ubican estas industrias.
Rosana Pérez aludiu á segunda subasta que foi a finais de decembro e que só temporal e transitoriamente resolveu o problema, descartándose os EREs que tiñan en marcha. Máis, puntualizou, o problema non está resolto porque a espada de Damocles do sistema de interrumpibilidade segue enriba de miles de traballadores e centos de empresas. En novembre voltará o problema. O sistema actual porános en poucos meses no mesmo lugar.
De aí que reclamase a modificación do sistema de interrumpibilidade e de todo o sistema tarifario, ao que considera un sistema negativo para industrialización e competitividade. Por iso o BNG pide a suspensión do sistema de interrumpibilidade baseado en subastas anuais, e a volta temporal ao sistema anterior.
O Goberno debe comprometerse á defensa dos postos de traballo
Explicitou a necesidade dun compromiso claro co mantementos dos postos de traballo de Alcoa e Megasa e a importanza de evitar despedimentos colectivos, que no caso de Megasa persiste. A deputada do BNG demandou instou ao Goberno a facilitar as condicións para impedir o peche de industrias e a desertización industrial de zonas como Narón en Ferrolterra.
A tarifa eléctrica diferenciada non é algo raro, existe en paises europeos
A parlamentar nacionalista defendeu o punto 4 da súa moción que pedía unha tarifa eléctrica propia para Galiza con prezos da electricidade máis baixos. Remarco que Galiza é excedentaria en produción de enerxía eléctrica.
O criterio dun sistema eléctrico único e de tarifa única supón dar o mesmo trato aos consumidores de distintos territorios sen ter en conta a súa aportación como productores de enerxía e os elevados custes sociais, medioambientais e económicos, explicou. Puxo de manifesto que as tarifas diferenciadas xa existen noutros territorios do entorno como Reino Unido, Alemaña, onde existe unha tarifa básica regulada polo Goberno pero as tarifas non son uniformes en todo o pais xa que dependen dos custes da rede en cada rexión.
Lembrou que no estado español a tarifa eléctrica non foi única até 1951. E na actualidade a pesar da suposta tarifa única, o Goberno modificou a normativa recentemente para que as industrias dalgúns territorios poidan beneficiarse nun 30% nas tarifas e nun 20% adicional en 2015. Polo tanto, concluiu, é posíbel fixar tarifas diferentes e que a única para o que sirve é para salvagardar os intereses das eléctricas en lugar de protexer os intereses dos consumidores.
En 2012 Galiza exportou nese ano o 40% da enerxía pero isto nunca repercutiu en beneficio do noso pais nin na nosa economía.
Rosana Pérez sinalou que nun pais onde as pensións e os salarios están entre os máis baixos do estado, onde o 18% das familias, máis de 455.000 persoas están en situación de probeza enerxética, e onde desde 2009 perdemos máis do 25% do emprego industrial, que podería aínda aumentar debido ao sistema de interrumpibilidade.
A parlamentar do BNG criticou a Lei do Sector Eléctrico do PP que aínda empiorou máis a situación. A lei permite que en Galiza paguemos a electricidade aínda máis cara por ter xeración o propio pais. Para o BNG é unha reivindicación fundamental e para Galiza imprescindíbel.