O PP opónse á solicitude do BNG para que compareza Tejerina pola crise do sector lácteo
Davila chamou a atención dos parlamentares presentes na Deputación Permanente ao cualificar a situación do sector lácteo galego como extrema. Lembrou que era sabido que en canto rematase o sistema de cotas lácteas da UE, isto repercutiría nos problemas que xa ten o sector. Puxo de manifesto os baixos prezos que cobran os gandeiros galegos en comparanza co resto da UE e do estado. O prezo medio da UE sitúase en 30,4 céntimos, a media do estado está en 29 céntimos, mentras que o sector galego está percibindo entre 26 e 20 céntimos.
Perdas millonarias e aumentos dos custes de produción
A deputada do BNG tamén puxo enriba da mesa os problemas de comercialización que está a padecer o sector galego, ao que agora se lle exixe que reduzan a súa produción nun 40%. Moitas explotacións gandeiras galegas xa reduciron a súa produción, pero a pervivencia das 9.000 explotacións galegas, se non se remedia, está en entredito, terán que ir ao peche.
Ilustrou estas afirmacións subliñando que nos primeiros seis meses do ano, o sector contabiliza unhas perdas de máis de 36 millóns de euros, mentras os custes de produción incrementáronse, tamén debido á incidencia da sequía que se sofre.
Ante esta preocupante situación, Davila explicou que o sector lácteo decidiu unirse, e tamén todos os grupos políticos, agás o PP, para defender, através dunha Plataforma, o sector e reclamar ás Administracións responsábeis, Goberno central e Xunta, que actúen. Criticou asemade a falla de resposta por parte da Ministra.
En días pasados, enfatizou, apuntábase a unha vía: a da posibilidade de proceder a retirar leite do mercado, de xeito que o excedente de produción non provoque maiores caídas dos prezos. Non sabemos a estas alturas se o Ministerio fixo algo ao respeito.
Tamén puxo enriba da mesa os abusos da industria láctea que utilizan o leite como producto de reclamo para vendelo a prezos moi baixos, mentras o Goberno non fai nada.
Acusou a Tejerina de falla de respostas perante as demandas do sector e reprochoulle a falla de medidas para paliar esta grave crise, máxima cando a UE xa vaticinou que a caída dos prezos seguiría até o 2016.
O PP dí que están a facer moitas cousas
O portavoz do PP, o Señor Gallego, limitouse a censurar as críticas do BNG e doutros grupos da oposición e a sinalar que se están a facer moitas cousas. Fixo un resumo de medidas contempladas na modificación do Paquete Lácteo e anunciou campañas de promoción do consumo do leite, pero en ningún momento entrou no problema principal: o dos baixísimos prezos do leite en orixe que sofre o sector galego.
En relación á comparecencia da Ministra de Agricultura, afirmou que a Ministra respostou en sesións de control, omitindo que leva meses sen comparecer debidamente para abordar en detalle este preocupante tema para Galiza.