O PP opónse ás resolucións do BNG sobre o dique flotante e a reforma da Constitución
O PP tratou de negociar un acordo co BNG en relación á resolución do BNG sobre Galiza, en concreto o relacionado co sector naval, máis non foi posíbel o acordo debido á negativa do Goberno a plasmar calquer compromiso que mencionase o dique flotante ou o levantamento do veto a Navantia Fene. Cuestións irrenunciábeis para as nacionalistas galegas.
Ademáis, a proposta de emenda do PP non se comprometía a manter o AVE na súa entrada por Ourense como liña de altas prestacións, sen rebaixas de velocidade, e nada dicía de reiniciar as obras da A-54.
A resolución sobre Galiza: naval, pesca, agro e AVE
Rosana Pérez comezou a súa intervención sinalando que a primeira das resolucións do BNG versa sobre temas fundamentais como a aprobación dun Plan de Actuación para impulsar o sector naval que contemple a construcción do dique flotante nos estaleiros públicos de Navantia na Ría de Ferrol, xestións ante a UE para o levantamento do veto sobre Navantia Fene para construir buques civís ou a clarificación dos contratos coa mexicana PEMEX.
Afirmou que non estamos dispostos a renunciar ao sector naval e seguiremos a traballar para que se constrúa o dique que o PP se cansou de prometer.
Explicou a necesidade de revisar o reparto de cotas pesqueiras acordado polo Ministerio de Cañete en xaneiro pasado que prexudican á frota galega de baixura. Así como a importanza de facer presión na UE para que se inclúa á frota cefalopodeira galega no Acordo de Pesca UE-Mauritania. Tamén aludiu ao sector lácteo: nunha grave situación porque segue a percibir prezos do leite por debaixo dos custes de producción.
En canto ao capítulo das infraestructuras, a deputada do BNG explicou a resolución do BNG que pide que non se rebaixe o AVE na súa entrada a Ourense e que se reactive a A-54.
A reforma da Constitución polos procesos soberanistas e medidas anti recortes
Rosana Pérez subliñou a proposta do BNG de abrir un proceso de diálogo con todas as forzas para acometer a necesaria reforma da Constitución partindo da realidade plurinacional e do recoñecemento da soberanía das nacións recoñecidas no Estado, así como abordar o debate sobre a situación da Coroa. Pediu unha Axencia Tributaria propia para Galiza.
A parlamentar nacionalista tamén puxo de manifesto a resolución socio-económico e de reforma da Constitución do BNG. Neste sentido, sinalou que os nacionalistas galegos demandan que se traspase ás CC.AA dotacións orzamentarias para soster o gasto en sanidade, educación, e dependencia.
Dado o fracaso da reforma laboral, Rosana Pérez demandou a súa derogación, así como a anulación das taxas xudiciais, do copago farmacéutico, a revalorización das pensións e a elaboración dun Plan de Emprego. A modificación da Lei Hipotecaria en base ás medidas contemplada na ILP a tramitar no Congreso. A devolución íntegra dos aforros aos estafados polas participacións preferentes.