PP opónse á proposición do BNG para que se garantan os servizos dos concellos en violencia de xénero
Davila salientou que os concellos foron pioneiros na implantación de servizos destinados a loitar contra a violencia de xénero, iniciativas que despois tamén adoptaron outras administracións.
Levaron a cabo importantes actuacións como poden ser as Casas ou os Centros de Acollida, servizos de atención e información ás mulleres que padecen esta lacra social u outras medidas de tipo socio-económico, todas elas tendentes a que as mulleres poidan saír dunha situación que as condena a elas e na maioría dos casos tamén aos seus fillos.
É importante asegurar os servizos propios dos concellos
A deputada do BNG fixo fincapé no propósito desta iniciativa que é o de preservar e garantir sobre todo os servizos propios dos consistorios nesta materia, servizos que estableceron e financian os propios concellos, servizos que van máis alá daqueles que están se prestan baixo Convenio co Goberno como é o telefone de Atención ás Vítimas de Violencia de Xénero.
Por iso non aceitou a emenda presentada polo grupo popular porque a nosa insistencia vai na parte de servizos propios dos concellos, e non podemos tolerar que un Goberno impida a unha administración local actuar nun ámbito no que están comprometidas.
Uns servizos que están seriamente ameazados pola aplicación da Lei de Reforma Local que limita as competencias dos concellos en materia de servizos sociais, ámbito no que se inserta as políticas para loitar contra a violencia de xénero. Davila aludiu así á disposición transitoria segunda da Lei de Racionalización e Sostenibilidade da Administración Local que estabelece que a titularidade das competencias que se prevían como propias do municipio relativas á prestación dos servizos sociais e de promoción e reinserción social corresponden ás CC.AA, que poderán estabelecer a partir dese momento as medidas necesarias para a racionalización do servizo.
Advertiu Davila que as limitacións da Lei de Reforma Local van ter negativas consecuencias na loita contra a violencia de xénero.