O PP opónse no Congreso á solicitude do BNG de comparecencia urxente de Soria polo naval
A Deputación Permanente do Congreso debatiu esta tarde a solicitude do BNG de comparecencia urxente do Ministro de Industria pola grave situación xerada no sector naval a raiz da posibilidade de ter que devolver as bonificacións fiscais desde 2005. Todos os grupos da Cámara, agás o PP, apoiaron a demanda do BNG, mais o PP defendeu a tese de que non é momento dunha comparecencia e o Ministro terá que comparecer após do 17.
Precisamente, Rosana Pérez defendeu a tese contraria porque hoxe, após da xunta en Bruxelas entre Presidentes autonómicos, e o Ministro de Industria co Comisario da Competencia, hai máis razóns que nunca para que o Señor Soria compareza, en referencia á comunicación de Almunia de persistir na devolución das bonificacións fiscais.
Non é o momento de focalizar a responsabilidade nun Comisario concreto, porque o sector naval no seu conxunto leva anos sometido a decisións para desmantelalo, sobre todo o galego. O Tax Lease é unha parte máis do grave problema do sector naval: As decisións da UE só respostan á presión doutros países europeos, en concreto Francia, Holanda e Alemaña.
Rosana Pérez sinalou que o Tax Lease é o elemento que faltaba porque os hipotéticos clientes deixarán de contratar cos estaleiros galegos. A deputada do BNG advertiu que se o vindeiro 17 de xullo non se evita o dito hoxe por Almunia, e se teñen que devolver os 3.000 millóns, será a ruina e a morte do naval que exporta o 90% do que produce. Temos un sector punteiro e con alta tecnoloxía.
Non hai decisión xurídica, é política
A parlamentar nacionalista defendeu a necesidade de comparecencia de Soria para que explique que xestións e actuacións se están a realizar para evitar o pior. Sobre todo porque o que fixeron até agora non tivo nengún froito. Subliñou que a decisión avanzada hoxe por Almunia non é xurídica, senón que é política. Por que Francia en 2006, cun caso similar, se lle eximiu de devolver as axudas e agora ao Estado español se lle reclama a súa devolución? É unha decisión política da UE, para beneficiar a outros países.
Chamou a atención dos membros da Deputación Permanente porque de se confirmar a decisión o vindeiro 17 de xullo, será terríbel para Galiza e lembrou os 15.000 postos de traballo directos e indirectos na Ría de Vigo.