O PP non quere que Feijóo explique na Cámara Galega a súa renuncia á transferencia da AP-9
Ana Pontón reprocha a dilación do PP para convocar a Deputación Permanente sobre temas de extrema importancia como o veto á transferencia da AP-9, as consecuencias da nova lei de Saúde e a utilización do Pazo de Meirás pola Fundación Franco
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón animou hoxe ao Partido popular a demostrar que está a favor de devolver o Pazo de Meirás ao pobo galego votando a favor da iniciativa que o BNG defenderá no vindeiro pleno previsto para o mes de setembro.
Na reunión da Deputación Permanente, solicitada polos grupos parlamentarios do BNG, En Marea e Socialista para unha convocatoria extraordinaria de Pleno coas comparecencias do Presidente da Xunta para dar conta da súa renuncia a defender a tramitación da lei de transferencia da AP,9, a do conselleiro de sanidade para explicar as liñas estratéxicas da nova lei de Saúde e do conselleiro de Educación e Cultura para evitar que durante os meses de verán as visitas ao Pazo de Meirás xestionadas pola Fundación Franco se convertan nunha escusa para a apoloxía da ditadura franquista, o Partido popular rexeitou celebrar un pleno extraordinario sobre as cuestións expostas argumentando que a situación non amosa necesidade nin “urxencia suficiente” para celebrar a sesión plenaria.
Na súa intervención, Pontón culificou de “puñalada” de Alberto Núñez Feijóo aos acordos no Parlamento galego e reclamou que O Presidente da Xunta compareza para dar explicacións sobre “o seu papelón” neste asunto. Ademais acusou ao xefe do executivo de “ir do ganchete do Partido popular” e preguntou como é posible que Feijóo “lle dea as costas a Galiza” e permita subir as peaxes da AP-9 no vindeiro ano. Vostedes, “defenden o negocio da concesionaria” e son cómplices dunha estafa que pagamos todos os galegos e galegos. Feijóo non defende a proposta galega para transferir esta infraestrutura, Feijóo púxose ao lado de Rajoy para defender o “vergoñento veto á transferencia da AP-9”, enfatizou.
Dende o Bloque cremos que 40 anos da AP-9 e máis de 800 M€ de beneficio é suficiente lucro para esta empresa “demasiado abuso” a Galiza e por iso no seu momento, explicou Pontón, propuxemos a lei para a súa transferencia
O BNG pide a devolución do Pazo de Meirás
Sobre a utilización do Pazo de Meirás pola Fundación Franco, a portavoz do BNG cualificou de “escándalo e trato de favor da Xunta” á familia do ditador e de conivencia para convertelo “nun parque temático do franquismo”. Para a nacionalista, a Xunta conta con instrumentos suficientes para evitar esta situación e recalcou que Feijóo debe comparecer e “dar a cara”. Si Rajoy pode comparecer mañá no Congreso para falar de corrupción nada impide que Núñez Feijóo faga o mesmo.
Pontón utilizou o seu propio móbil para demostrar que o número da Fundación Franco destinado á xestión de visitas proporcionado pola propia Xunta non está operativo polo que familia Franco segue incumprindo a lei con “toda impunidade”. Neste sentido, animou ao Partido popular a demostrar que está a favor da devolución do Pazo aprobe a iniciativa que o BNG defenderá na Cámara galega proximamente.
Novo ataque á sanidade pública
Asemade, Pontón preguntou porqué se cociñan durante o verán novos recortes na sanidade pública en alusión ao anteproxecto da nova Lei de Saúde presentado recentemente pola Xunta. Sobre esta cuestión, engadiu que este cambio “alarma á cidadanía”. A comparecencia do conselleiro de Sanidade é “inescusable”. Estamos ante un novo ataque á sanidade pública, “con nocturnidade e aleivosía” presentando un anteproxecto durante o verán que suprimirá cinco áreas sanitarias e mudará o modelo de servizos sanitarios.
Finalmente, a portavoz do BNG lamentou a negativa do Partido popular que impide celebrar un pleno extraordinario sobre asuntos, dixo, de gran importancia para todos os galegos e galegas. Queremos a transferencia da AP-9 e que remate esa estafa, queremos que se devolva o Pazo de Meirás e non aturamos máis recortes na sanidade, peche de camas no verán, incremento nas listas de espera e cada vez menos medios humanos e materiais.