O PP modifica pola porta de atrás máis de vinte leis e dous decretos mentres deixa sen resposta aos sectores máis danados pola COVID
A deputada do BNG, Olalla Rodil defendeu unha emenda á totalidade ao Proxecto de Lei de Medidas Fiscais e Administrativas pola que son modificadas máis de vinte leis e dous decretos, “sen aplicación orzamentaria nin respostas á crise sanitaria da COVID-19”.
A deputada asegurou que do total das modificacións “só cinco artigos están relacionadas coa pandemia”: A bonificación fiscal para casinos, maquinas comecartos e bingos, a exención do pago do canon da auga para hostalaría, restauración e locais turísticos, desde o 5 de novembro até o fin da emerxencia sanitaria sempre que o seu consumo se reducira o 25% ou máis. Procesos selectivos derivados da situación de emerxencia sanitaria, contratación de persoal laboral temporal ou funcionario interino fronte á Covid e a modificación das taxas de usos portuarios de uso social.
Modificacións de leis como o turrón que volve cada ano
Rodil explicou que o PP volve a modificar a mesmas leis ano tras anos entre as que nomeou a Lei de Solo, “xa modificada en cinco ocasións”, a lei de Incendios forestais de Galiza, “sete reformas”, Lei de Mobilidade de terras, “quinta reforma”, Lei de Montes, “oito reformas” e con esta a novena, pero ademais, utilizan “a porta de atrás” para reformar tamén as leis de Augas de Galiza, a de estradas, Pesca, Portos, Servizos sociais, Coopertivas, Deporte, Subvencións, transparencia e bon goberno, protección xeral das persoas consumidoras, a Lei de creación da Escola galega de Administración pública, a da Academia de seguridade pública, Emerxencias de Galiza e a Lei de Racionalización do sector público autonómico. “É como o turrón que volve cada ano”, ironizou a deputada.
Este proceder é o que usan ano tras ano baixo o “ subterfuxio” da Lei de acompañamento para reformar normas que nada teñen que ver entre si, “un clásico” ao que xa nos teñen acostumadas dende o goberno galego.
A nacionalista criticou que a lei de acompañamento evidencia “a falta de diálogo” do goberno cos grupos parlamentarios e sectores sociais afectados. Esta “posición unilateral”, é a que os leva cada ano a modificar as mesmas leis e os mesmos artigos, remarcou a nacionalista.
Segundo Rodil, o PP goberna a “impulsos” recorrendo a procedementos lexislativos excepcionais como as denominadas leis de acompañamento polo que preguntou canto vai durar esta vez este compendio de mudanzas.
A deputada concluíu reiterando que o PP modifica 23 leis e dous decretos “dun plumazo” sen negociar nin debater ningunha delas. Dende o BNG, “non compartimos esta forza de lexislar furtando o debate social e político” sobre todo nun contexto marcado pola pandemia. Nin sequera aproveitaron esta circunstancia excepcional para dar unha resposta a todos os sectores tan gravemente afectados pola COVID.
A emenda á totalidade defendida pola deputada do BNG, Olalla Rodil á lei de Medidas Fiscais e Administrativas 2021 foi rexeitada polo grupo maioritario do Partido popular.