Congreso

O PP mente para tentar tapar que non reclamou os 170 millóns de incentivos que o Estado debe á Galiza

“Foi o Partido Popular quen deixou tirado o noso País e ao propio Feixoo”, asegura Néstor Rego

As afirmacións do secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, de que o BNG votou no congreso “en contra de reclamar o IVE” son absolutamente falsas. O voto contrario do deputado Néstor Rego á PNL presentada polo Partido Popular veu xustificado precisamente porque os populares non reclamaban nela os 170 millóns de incentivos por cumprimento da regra de gasto, que representa case a metade da débeda que o Estado ten con a Galiza.

O deputado BNG presentou unha emenda para incluír esa reclamación dos incentivos por cumprimento que, no entanto, foi rexeitada polo defensor da PNL, o deputado por Lugo, Javier Olano.”Foi, por tanto, o Partido Popular o que deixou tirado o noso País e mesmo a Feixóo, por non reclamar o que corresponde á Galiza”, afirma Néstor Rego.

O texto literal da proposta do PP, que falaba exclusivamente dos 2.500 millóns do euros do IVE: “Igualmente, se insta al Gobierno a compensar los 2.500 millones de euros de desfase del IVA que se generaron tras la implantación del Sistema Inmediato de Información (SII), tal y como se hacía con la Proposición de Ley del PP cuya toma en consideración se aprobó, por amplia mayoría de la Cámara, en diciembre de 2018.»

A emenda do BNG engadía os incentivos por cumprimento dos obxectivos fiscais: “Igualmente, ínstase ao Goberno a compensar os 2.500 millóns de euros de desfase do IVE que se xeraron tras a implantación do Sistema Inmediato de Información (SII), así como os pagos pendentes dos incentivos e a demora na actualización dos ingresos a conta do sistema de financiamento”.

O Partido Popular puido ter aceptado a emenda do BNG e unha votación separada dese punto, mais non o fixo.

Néstor Rego denunciou na súa intervención no pleno que os populares esquecesen esta partida. “Non sei se o PP pretende regalarlle ao Estado eses cartos que corresponden aos galegos e galegas ou é que Feixóo pinta xa tan pouco que nin o seu partido lle fai caso, ou as dúas cousas á vez”.

O deputado nacionalista ironizou sobre as causas deste esquecemento: Talvez agora que que Urkullu convocou eleccións na Galiza son vostedes conscientes de que as van perder e que non van ter oportunidade de xestionar eses recursos”.

Rego reafirmou que, en calquera caso, o BNG vai seguir reclamándoos “porque son nosos”. Neste sentido, dirixiuse á Ministra de Facenda para reclamar que “pague xa o que debe ao todos os galegos e galegas, os 200 millóns do IVE e tamén os 170 de incentivos”.