O PP intenta rendibilizar os recortes buscando o apoio de Merkel para ocupar altos cargos na UE
Os próximos días 24 e 25 de agosto está anunciada a visita a Galiza da chanceleresa alemá Angela Merkel. Segundo anunciou o portavoz do goberno alemán, o obxecto da visita é percorrer un tramo do Camiño de Santiago e recibir ao presidente do Goberno español, Mariano Rajoy. Prevese que no encontro se traten diversos temas bilaterais, relacionados co Consello Europeo de Bruxelas que se celebrará a finais de agosto, no que as elites europeas e os seus socios da periferia repartirán os cargos da UE.
Merkel, campioa dos intereses da banca e dos recortes sociais
O BNG quere chamar a atención dos galegos e galegas sobre o papel que ten xogado a política alemá en relación ás decisións tomadas pola Unión Europea e a Troika, aproveitando a conxuntura creada pola crise económica que padecemos desde 2007. Foi a chanceleresa Merkel a principal impulsora da reforma concretada no agora famoso artigo 135 da Constitución Española, que da o máximo rango ao principio de estabilidade orzamentaria. Mediante este artigo asegúrase o pagamento da débeda por riba da atención ao desenvolvemento económico e social dos pobos do estado e serve de última xustificación á política de recortes. PP e PSOE aprobaron esta reforma rápida da Constitución Española o 23 de agosto de 2011, baixo o ditado de Merkel e das presións dos mercados, cuxos intereses representa a chanceleresa en Alemaña e Europa.
Os intereses do PP por riba do desenvolvemento económico e social de Galiza
No caso galego, a estas medidas de carácter xeral, súmase a súa responsabilidade, en conivencia co goberno español, no deseño das políticas económicas da Unión Europea que condenan á periferia á pobreza e á emigración. A recente decisión da Comisión, en relación ao dique flotante de Ferrol e á posibilidade de desenvolver unha actividade industrial centrada na recuperación do sector naval, ilustra dun xeito dramático a realidade desta ameza e os efectos devastadores que para o emprego e o benestar do noso pais teñen as políticas que deseña a elite europea, da que Merkel é a mais poderosa representante.
O BNG fai un chamamento a todos os galegos e galegas para que mostren a súa desconformidade coas políticas de desmantelamento e empobrecemento do noso país e cos recortes sociais que representan Merkel e Rajoy, aproveitando a visita da chanceleresa á Galiza.