O PP indígnase porque o BNG leva o Prestige ao Congreso e acusa a Davila de "revivir o sucedido"
O PP por boca do seu deputado galego, Joaquín Díaz, deixou clara a rotunda negativa dos populares á proposición do BNG que plantexaba unha serie de medidas a adoptar a raiz da catástrofe do Prestige.
Davila empezou a súa intervención aludindo á recente sentenza sobre o Prestige, definíndoa como a historia dunha frustración. Non sei se alguén puido ficar contento con dita sentenza pero a maioría da sociedade galega viu frustradas as súa esperanzas de que un delito da gravedade ecolóxica do Prestige fose debidamente sancionado.
A deputada do BNG afirmou que esta sentenza trouxo á memoria aquela catástrofe. Moitos galegos e galegas e voluntarios que se movilizaron cando sucedeu o sinistro para limpar o chapapote, víronse frustrados por unha sentenza nada exemplar.
Puxo de manifesto que a catástrofe demostrou as fraquezas en seguranza marítima e a precariedade de medios en loita contra a contaminación mariña. Pero a pesar do paso de once anos, poderíamos dicer que nada se avanzou, nin siquera temos unha sentenza exemplar. Non hai castigo para os autores dunha das maiores marés negras nin tampouco existen responsabilidaes políticas pola errática e ineficaz xestión que se agravou polas decisións adoptadas desde o Goberno e desde a Xunta.
Davila reprochou que lonxe de progresar por un camiño no que o delito ecolóxico grave como o do Prestige se castigue cunha sentenza exemplar, resulta que imos á inversa. A catástrofe non ten custe, sae de balde, salvo para os galegos e galegas e os voluntarios.
Explicou a deputada do BNG que un dos moitos fallos na xestión do Prestige foi a enorme descoordenación entre administracións implicadas e a adopción de decisión desde lugares alonxados de Galiza. Nesa liña, lembrou que o BNG desde entón sempre demandou a transferencia das competencias na materia de seguranza marítima. Unha reivindicación que non foi froito do capricho, senón dunha mala experiencia desta catástrofe. Galiza ten miles de quilómetros de costa e debería ter as competencias.
Davila considerou que se voltase a ocurrir un sinistro así non se contaría con moitos máis medios. Galiza seguiría desprotexida por decisións que se adoptan a miles de quilómetros da costa e sin apenas criterio.
Un PP indignado porque o BNG levou o Prestige ao Congreso dos Deputados
O deputado do PP por Lugo, Joaquín Díaz, foi a persoa encargada de explicitar a oposición dos populares a unha iniciativa do BNG que comprendía cuestións como a transferencia das competencias en materia de seguranza marítima, o endurecemento da lexislación en materia de delitos ecolóxicos, a colaboración coa comunidade científica para estudar a idoneidade de realizar unha inspeción submariña do pecio, demandar á Axencia Europea de Seguranza Marítima para estender a toma de imaxes a toda a costa galega, ter en conta o cadro de toma de decisións de científicos do CSIC onde se desaconsella o alonxamento de petroleiros con fugas de fuel pesado, ou a promoción de medidas para denunciar Convenios Internacionais asinados polo estado español en materia de indemnización por danos de contaminación mariña.
O deputado popular amosouse indignado polo simple feito de que a deputada do BNG trouxese a catástrofe do Prestige á Cámara. Acusou a Davila de buscar o confronto social e revivir o sucedido hai once anos. Subliñou que se vai contra a Constitución española e que se vulneran todas as normas nacionais e internacionais.
O deputado do PP nada dixo do actual estado do Prestige nas profundidades mariñas, nin de endurecer a lexislación en delitos ecolóxicos, e omitiu a cuestión de reforzar a vixianza da costa galega.