O PP impide que prospere a proposta do BNG para transferir o Servizo de Meteoroloxía a Galiza
O deputado do BNG, Luís Bará defendeu a proposición de lei para a transferencia a Galiza do Servizo de Meteoroloxía que o PP impediu cos seus votos en contra para ser tomada en consideración e continuar co trámite parlamentario.
Tras a intervención da popular, Marisol Díaz Mouteira e a votación en contra do PP, o deputado Luís Bará fixo fincapé na contradición da deputada por salientar, por unha banda, a “grande función de Meteogalicia” e por outra ser un servizo que carece de validez xurídica. Neste sentido, Bará insistiu en que é necesario dar esa “validez” ao servizo mediante a transferencia da competencia a Galiza.
O PP, dixo, “non ten credibilidade”, dan a razón ao contido da nosa proposta pero votan en contra. O problema, remarcou, é que “o PP non cre no autogoberno” porque o Partido popular quere “unha Galiza pequena, bonsai, submisa, servil” e supeditada á axenda da submisión a Madrid e aos intereses das grandes empresas”.
O BNG, engadiu impulsa os debates no Parlamento galego como o da AP-9, a transferencia de Tráfico e Seguridade Viaria e agora a de Meteoroloxía e resulta “un sen sentido que o Partido popular defenda o mapa do EMET” onde aparece un espazo en branco, Norte de Portugal, mentres recolle a información das illas Canarias e as Baleares. Esta debería ser a primeira iniciativa do Goberno galego, establecer unha liña de colaboración en materia meteorolóxica con Portugal.
Bará lembrou que ás comunicades de Asturias Cantabria, Rioja, Murcia, Aragón, Castela a Mancha, Estremadura, Madrid, Castela e León foron transferidas as competencias exclusivas en materia do Servizo Meteorolóxico con todas as consecuencias xurídicas, algo, que “aquí non temos”.
O deputado amosou a disposición do BNG a admitir todos os cambios necesarios no trámite parlamentario da lei para levar a cabo a transferencia pero asegurou que o PP non quere facelo porque “está en contra de que Galiza teña competencias”.
O nacionalista respondeu a deputada popular, Díaz Mouteira que as “prioridades do Partido popular” é facer seguidismo da “axenda reaccionaria de Madrid, unha axenda hipercentralista”. Rectifiquen e abandonen esa submisión a Madrid e non actúen como “teleñecos”. Deixen de lado os interese partidistas e defendan os intereses de Galiza.
Bará lamentou que o Partido popular votara en contra da proposta do BNG e indicou que Feixóo non conseguiu ningunha transferencia en 12 anos, o único que fixo foi “ acatar as decisións de Madrid, de Rajoy e Casado”.
Ao seu xuízo, o debate das transferencias “retrata as forzas políticas” como aconteceu coa AP-9. Neste debate, recalcou o PP traizoou en varias ocasións a Galiza impedindo que prosperara no Congreso dos deputados. O PSOE pola súa parte, “y yo más” tamén está poñendo trabas cunha emenda no Congreso para que a transferencia da AP-9 só atenda á xestión da infraestrutura, non a súa titularidade.
O Servizo de Meteoroloxía é esencial na súa función preditiva relacionada con fenómenos como os acontecidos recentemente en Chantada, a información é necesaria para o turismo, o sector pesqueiro, agrogandeiro e ao seguridade pública ao que sumou os datos sobre o clima porque “veñen tempos complicados”. A singularidade en materia climática de Galiza precisa de instrumentos que unha vez máis, o PP lle está a negar, concluíu.