O PP impide incrementar a prestación das mulleres vítimas de violencia de xénero
A deputada, Carme Adán pediu aumentar nun 20 % a contía do salario da liberdade e que as vítimas de violencia de xénero poidan solicitala en calquera momento do ano
A portavoz de Política de Igualdade do BNG, Carme Adán defendeu hoxe unha Proposición non de lei destinada a subir a contía do salario da liberdade nun 20% e que as mulleres vítimas de violencia de xénero poidan solicitar esta prestación en calquera momento do ano.
No día en que se celebran os 178 anos do nacemento de Rosalía, Adán escolleu o poema: Daquelas que cantas ás pombas i ás flores todos din que teñen alma de muller, pois eu que nos as canto , Virxe da Paloma ¿Aí! ¿de qué a teréi?, alma de muller galega, dixo a deputada, muller que buscaba a igualdade e a xustiza.
Pola súa parte, a portavoz do Partido popular, Rosa Oubiña anunciou o voto en contra do grupo maioritario á proposta nacionalista por considerar innecesario cambiar unha lei que xa contempla axudas para aquelas vítimas de violencia de xénero que cumpren os requisitos necesarios e situando a resolución dos expedientes entre un mes e vinte días.
Na réplica, a deputada do BNG lamentou a intervención da portavoz popular así como a falta de apoio do grupo maioritario do PP para dar luz verde a toma en consideración da Proposición de lei do BNG.
O BNG pide aumentar o salario da liberdade e ampliar os prazos
Ademais do aumento na contía do salario da liberdade, a nacionalista reclamou suprimir o prazo de marzo a outubro fixado para solicitar a prestación estendendo este período a calquera momento do ano así como aumentar en 18 meses e unha prorroga de seis máis o tempo de percepción da axuda. Para isto, dixo, é preciso fixar unha base semellante ao soldo mínimo e aumentar as contías en función do número de persoas ao cargo da solicitante.
Hoxe dende o Bloque Nacionalista Galego, afirmou, queremos dar un pequeno paso en favor das mulleres que sofren violencia de xénero, a maior das expresións da desigualdade.
Neste sentido, explicou que a prestación económica para vítimas de violencia machista, foi creada no ano 2006 e nese momento supuxo una medida pioneira en todo o Estado. Posteriormente foi incorporada á Lei para a prevención e tratamento da Violencia de Xénero pero nos últimos, sufriu unha inflexión ao seren reducidas as partidas dos diferentes tramos que cobran as mulleres segundo a súa situación e por iso, hoxe buscamos o consenso que permita tomar en consideración poder modificar a lei.
Se facemos o balance destes últimos anos, podemos dicir que dende que remata o prazo de solicitude ata que se abre a nova data, pasan uns meses onde as mulleres non poden percibir esta axuda polo que volveu solicitar o apoio da Cámara para superar este atranco.
A deputada explicou que existen axudas periódicas, como a RISGA, que non está sometida a prazos e cun mecanismo que posibilita que as solicitudes sexan formuladas durante todo o ano.
Adán felicitou ao colectivo de traballadoras/es sociais e animou a todos os deputados e deputadas a escoitar aos profesionais que todos os días están en contacto con vítimas de violencia de xénero para comprobar que piden o mesmo que hoxe reclama aquí o BNG.
A deputada concluíu a súa intervención apelando á proximidade da celebración do 8 de marzo e pediu á Cámara galega dar un paso adiante para facilitar que as mulleres vítimas de violencia de xénero podan acollerse á prestación en calquera momento do ano.
Tras coñecer a negativa do Partido popular á proposta do BNG, Adán rematou co poema de Rosalía de Castro, Estranxeira na súa patria:
Na xa vella baranda
entapizada de hedras e de lirios
foise sentar calada e tristemente
frente do tempro antigo.