O PP impide que Feijóo compareza para explicar a fraude dos cursos de formación
O portavoz parlamentario do BNG, Francisco Jorquera reclamou a comparecencia ante a imputación de persoas próximas ao presidente e cargos da Administración pública
O portavoz parlamentario do BNG, Francisco Jorquera compareceu ante os medios de comunicación para dar conta da orde do día do vindeiro pleno.
Tras a Xunta de Portavoces, Jorquera anunciou os asuntos excluídos ante o bloqueo da maioría do Partido popular entre os que destacou a comparecencia de Núñez Feijóo para explicar a imputación de persoas próximas ao presidente da Xunta e cargos da administración pública no proceso aberto pola presunta fraude nos cursos de formación e a creación dunha comisión de investigación para determinar as causas do accidente ferroviario de Angrois.
Jorquera manifestou compartir a indignación das vítimas e familiares e a súa indefensión pola decisión do xuíz de pechar o caso do accidente de Angrois e fixo referencia ás declaracións das propias vítimas que cualificaron de insulto os argumentos empregados polo xuíz como a realización de 59 servizos en ambos sentidos antes do accidente sen que tivese pasado nada.
Máis alá da valoración xudicial, dixo o deputado, unha cousa é a depuración de responsabilidades penais e outra, a depuración de responsabilidades políticas polo que lamentou que, unha vez máis, o PP impida abrir a comisión de investigación cando en Valencia xa foi constituída por segunda vez unha comisión de investigación do accidente do metro no ano 2006.
O PP bloquea a comparecencia do Presidente da Xunta ante novas imputacións na Operación Zeta
Para o deputado, os mecanismos de control non funcionaron no escándalo dos cursos de formación e o peor, dixo, é que estamos ante unha trama de financiamento ilegal coa conivencia de responsábeis da Xunta e do Partido popular.
Sobre a imputación de Pachi Lucas, o auto considera confirmados os indicios que apuntan a un delito de tráfico de influencias ao actuar como conseguidor de Gerardo Crespo. Quero lembrar, dixo Jorquera que Pachi Lucas é unha persoa do círculo intimo do Sr. Feijóo e o Presidente da Xunta non pode dar a calada por resposta, debe comparecer e dar explicacións, recalcou.
Asuntos do BNG que serán debatido no Pleno á iniciativa do BNG
Jorquera preguntará a Feijóo se vai retirar o anteproxecto da lei de acuicultura que pretende privatizar as rías e poñelas en mans das grandes multinacionais.Unha moción para adoptar medidas que garantan un novo reparto de dereitos de pesca para a flota do cero, unha proposición non de lei sobre a entrada en vigor do Plan Nacional contra a Hepatite porque resulta gravísimo, dixo o portavoz parlamentario, que a Fiscalía presentara unha denuncia contra o SERGAS por non facilitar o tratamento que supuxo a morte de tres persoas.
Asemade, o BNG tamén defenderá medidas para garantir o dereito a unha vivenda digna e evitar os desafiuzamentos, modificar a lei estatal e autonómica co fin de acadar a prevención e protección total da vítimas de violencia machista e unha pregunta ao Goberno sobre como valora a sentenza que anula o cobro de 12,6 M en impostos a parques eólicos.