O PP impide a declaración BIC das pesqueiras de Arbo, As Neves, Crecente e Salvaterra que propón o BNG
O deputado do BNG Luís Bará propuxo no Parlamento galego, iniciar o expediente BIC das pesqueiras do río Miño, situadas nos concellos de Arbo, As Neves, Crecente e Salvaterra, como Ben de Interese Cultural, ao abeiro do previsto na lei /2016 de patrimonio cultural, e desenvolver unha estratexia de conservación, restauración, promoción e dinamización das pesqueiras do río Miño, en colaboración coa AECT río Miño, cos concellos mencionados e o tecido social relacionado co patrimonio e a actividade pesqueira.
A iniciativa do BNG foi rexeitada polo grupo do Partido popular, postura que o deputado do BNG cualificou de “traizón” aos concellos que contan con este grande patrimonio cultural e aos colectivos que demandan a súa protección.
Bará explicou que o río Miño constitúe un “espazo cultural, social, económico e ambiental de extraordinaria relevancia”. Unha grande parte do seu curso ao longo da provincia de Pontevedra, entre Crecente e A Guarda, foi clasificado como Rede Natura 2000, e conta tamén con valiosas mostras de patrimonio cultural material e inmaterial, compartido polas dúas beiras.
Unha das manifestacións máis senlleiras do patrimonio cultural do río, afirmou, son “as pesqueiras ou pescos, construcións centenarias destinadas á pesca da lamprea principalmente, mais tamén á captura de salmón, anguía ou sabella” e a súa existencia documentada dende o ano 1125 e explicou que as pesqueiras son conxuntos formados por un ou máis muros formados por “sólidos bloques ciclópeos de granito resistentes á erosión, situados en posición inclinada ou paralela respecto do curso da auga, axeitándose á súa topografía rochosa” e un recurso económico para os ribeiráns.
A extracción de áridos e a construción de encoros modificou as características do río Miño afectando ao seu aproveitamento piscícola e a desaparición de parte das pesqueiras ou á perda da súa funcionalidade.
Na actualidade, dixo, están rexistradas máis de 400, cunha parte delas utilizadas para a pesca e no concello de Arbo, 326 pesqueiras censadas, cun 30% que manteñen a actividade.
Na década de 1970, explicou o Bará, como consecuencia da tramitación do aproveitamento hidroeléctrico internacional de Sela (Arbo), iniciouse un movemento de defensa das pesqueiras que tiña como obxectivo conseguir a súa “protección, recuperación e dinamización fronte á ameaza que supoñía o encoro”.
Como resultado da campaña iniciada a finais dos anos 70, no ano 1984 a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Xunta aproba o inicio do expediente para a declaración como conxunto histórico-artístico das pesqueiras do río Miño e no ano 2006, o parlamento galego aprobou por unanimidade unha proposición non de lei presentada polo BNG instando á Xunta a “iniciar, de novo, o expediente de declaración das pesqueiras do concello de Arbo como Ben de Interese Cultural, na categoría de lugar de interese etnográfico e promover a protección legal para todas as pesqueiras situada no río Miño entre os concellos galegos de Crecente e Salvaterra”
Na actualidade, as pesqueiras do río Miño gozan dunha protección individual básica a través da planificación urbanística dos concellos e da súa inclusión no Inventario do Patrimonio Cultural, pero para evitar o proceso de deterioro, abandono e declive en que están sumidas é necesaria a “súa protección integral como Ben de Interese Cultural”.
Tras a intervención do portavoz popular que recoñeceu a necesidade da declaración BIC pero puntualizando que o expedinte non obriga á protección por parte da administración pública, o deputado do BNG replicou que o PP “volve a poñer escusas de mal pagador” para negarse a declaración BIC das pesquerias e coa súa votación en contra, impide apoiar unha estratexia para o seu desenvolvemento.