O PP impide que se debata en Pleno a Comisión de Investigación do BNG sobre o sinistro de Angrois
Rosana Pérez considera rexeitábel que nen siquera se aceite o debate e evidencia as contradiccións do PP porque paradoxalmente no Parlamento galego, e aínda que foi por gardar as apariencias, permitiron que se debatise nun pleno a solicitude do BNG de Comisión de Investigación, aínda que a rexeitaron hoxe mesmo.
A deputada do BNG que asistiu á xunta de portavoces do Congreso para defender a proposta de Comisión de Investigación do BNG para esclarecer as causas do sinistro de Angrois, atopouse coa actitude obstaculizadora do PP. Todos os grupos parlamentares, todos, agás o PP apoiaron a nosa iniciativa e respaldaron que se puidese debater nunha sesión plenaria. Con esta actitude o PP demostra que unha cousa é o que dí e outra o que fai.
O PP leva dicindo desde o día do sinistro que se ía volcar coas vítimas. Desde o BNG entendemos que as vítimas necesitan que se esclarezan os feitos, que os grupos políticos poidamos participar. Precísase unha investigación e que se saiban todas as causas do accidente, engadiu.
Lembrou a deputada nacionalista que a primeiros de agosto a Ministra de Fomento dixo que se chegaría até o final nas causas, que se investigaría o que fixese falta, e agora vemos que a Ministra de Fomento e o Goberno español non cumpren as súas promesas. Para Rosana Pérez a posición do PP é totalmente rexeitábel, non está de lado das vítimas, nen ao lado da cidadanía galega, nen da española en xeral, que queren coñecer que pasou e quen son os responsábeis do que sucedeu.