A Xunta garda silencio a respecto da moción de censura en Sada
A deputada do BNG, Mercedes Queixas pediu hoxe ao Parlamento galego instar á Xunta a “expresar o seu rexeitamento á moción de censura do pasado 18 de novembro de 20022 no Concello de Sada por constituír un acto antidemocrático de transfuguismo e dar traslado do acordo ao Concello de Sada. O Partido popular votou en contra da reclamación da nacionalista.
A parlamentaria do BNG explicou que o pasado 18 de novembro produciuse en Sada un acontecemento político que vulnera os principios sólidos da democracia e a xuízo da nacionalista, “o pobo de Sada non merece volver a ser o epicentro do abuso dunha práctica antidemocrática”, independentemente de cal fora o seu voto nas últimas eleccións municipais cuxo mandato está a escasos 6 meses de rematar e lamentou que o Partido popular vetara que a Xunta de Galiza se pronunciara en contra do acontecido.
Para a deputada, todo apunta que o PP non quere pronunciarse en contra da moción de censura en Sada ante a proximidade das eleccións municipais e a posibilidade de que unha das tránsfugas, poda ser cabeza de cartel dos conservadores no concello.
Fronte á opción dun pacto de goberno legal, lexítimo, que represente a maioría diversa expresada pola cidadanía nas urnas, como viña acontecendo en Sada ao longo de 3 anos e medio, explicou a deputada, “algúns representantes dos grupos municipais da corporación decidiron romper a acción de goberno e forzar unha moción de censura, asinada por 5 concelleiros do PP, 2 do PSdG-PSOE e 2 de Alternativa dos Veciños”.
Unha moción de censura, recalcou , que segundo as direccións dos correspondentes partidos, PP, PSOE e Alternativa dos Veciños, non foi avalada por estas, anunciando que a quebra da disciplina partidaria por parte dos concelleiros, ao seguir adiante coa moción de censura, conducía á desautorización da mesma e á desvinculación das forzas políticas deste proceso acordado polos grupos municipais.
Aínda así, dixo Queixas, “os concelleiros do PP, do PSOE e de Alternativa dos Veciños acaban de acceder ao goberno de Sada”, ao superar a moción de censura pactada, na condición de tránsfugas.
O Pacto contra o Transfuguismo é moi claro a este respecto: “é tránsfuga quen traizoa o partido político que o presentou ás eleccións, apártase do criterio fixado polos órganos competentes e é expulsado”, pero a realidade é que “non consta no concello ningunha comunicación oficial de expulsión dos concelleiros tránsfugas asinantes da moción de censura por parte de ningún partido: PP, PSOE e Alternativa dos Veciños”.
A nacionalista insistiu en “comunicación oficial ao concello”, algo moi diferente dos comunicados e notas de prensa que anuncian medidas disciplinarias e apertura de expedientes nos diferentes partidos. O último o do PP, coñecido pola prensa antonte, coincidindo xusto con esta comisión cuxa iniciativa leva rexistrada nesta cámara xa desde o 29 de novembro.
Non ter sido comunicada a expulsión e recoñecido “o actual equipo de goberno como tránsfugas” fai que sigan actuando, en todos os sentidos e con todos os dereitos, políticos e económicos, como representantes dos correspondentes grupos municipais do PP, do PSOE e de Alternativa dos Veciños. Así son identificados pola alcaldesa nos plenos e nas comisións; figuran nas actas; cobran agora as súas dedicacións exclusivas ou parciais, xa que a moción de censura beneficiou economicamente a 1 concelleiro do PSOE, 1 de Alternativa dos Veciños e 3 do PP.
Unha situación irregular e reprobábelEn opinión da deputada, o Partido popular é “responsable”, como primeiro partido da oposición, de posibilitar que goberne “a lista menos votada” a pesar de existir un “pacto contra o transfuguismo”.
Mercedes Queixas lamentou que o PP impedira ao Parlamento galego instar á Xunta a expresar o seu rexeitamento á moción de censura do pasado 18 de novembro de 2022 no Concello de Sada e dar traslado do acordo ao concello de Sada.