O PP e Feijóo deben explicar a denuncia contra Baltar por "acoso sexual"
O BNG pide que compareza a secretaria de Igualdade para explicar a acusación contra o Presidente da Deputación de Ourense, José Manuel Baltar por ofrecer un posto de traballo a unha muller a cambio de relacións sexuais
Tereixa Paz retou ao Presidente da Deputación de Ourense a presentar probas concluíntes contra a acusación ou a súa dimisión ante a denuncia dunha muller presentada en Fiscalía contra José Manuel Baltar por ofrecerlle un posto de traballo a cambio de manter relacións sexuais con el
A parlamentaria do BNG, Tereixa Paz afirmou que unha persoa sobre a que pesa unha acusación tan grave de atentado contra a liberdade sexual dunha muller, non pode estar nin un minuto ao fronte dunha institución, en alusión a denuncia presentada por unha muller ante a Fiscalía contra o presidente da Deputación de Ourense, José Manuel Baltar por ofrecerlle un posto de traballo a cambio de manter relacións sexuais.
Pola súa parte, a deputada nacionalista, Carme Adán botou man da Lei Galega para a Prevención e Tratamento de Violencia de Xenéro que recolle no artigo terceiro o acoso sexual como unha forma de violencia contra as mulleres, violencia machista, polo que reclamou que, de maneira inmediata, a Vicepresidencia e en concreto a Secretaria xeral de igualdade, inicie unha investigación de oficio para coñecer o alcance da denuncia, e de ser o caso, que esixa a dimisión do Sr. Baltar.
A denuncia, dixo, Adán, de ser certa, significa o cese inmediato desta persoa ao fronte da institución porque estamos falando dun asunto moi serio e grave recollido na lei. Este caso, engadiu, atenta contra a liberdade e dignidade das mulleres galegas e o Partido popular e o Presidente Feijóo están tardando en dar explicacións.
Dende o BNG esiximos que compareza a Secretaria de Igualdade ante un feito que hoxe denigra a todas as mulleres galegas.
Finalmente, as deputadas do BNG amosaron a súa solidariedade coa muller que presentou a denuncia porque resulta un paso moi difícil e animaron as mulleres a denunciar ante calquera suceso de violencia de xénero.