Parlamento Galego

O PP desatende as demandas da veciñanza que pide rematar co colapso sanitario da área sanitaria de Pontevedra-O Salnés

Montse Prado
Prado demandou aos Populares a escoitar á veciñanza e “deixar de poñer en risco a saúde e a vida das arredor de 300 mil persoas da Área Sanitaria Pontevedra-Salnés e de someter ao persoal a unha presión inasumíbel que lle impide prestar unha atención axeitada”

O BNG emprazou ao Executivo do PP a actuar de xeito inmediato para poñer fin á situación de colapso e o consecuente  risco para a saúde que está a ocorrer na Área Sanitaria de Pontevedra-O Salnés con usuarios e usuarias que teñen que agardar días a ter unha cita, que non poden pedila porque non hai facultativos ou facultativas; nenas e nenos sen atención pediátrica e un servizo de ambulancias ao que lle resulta moi difícil cubrir a demanda.

A portavoz de Sanidade, Montserrat Prado, trasladou a inquedanza e enfado dunha veciñanza “farta de que o Sergas, o PP, poña en risco a súa saúde e  a súa vida. Farta de que ter atención sanitaria dependa do factor sorte, de que se dea a casualidade de que haxa profesionais nos centros de saúde ou PACs, de que non estean saturados os servizos de urxencias hospitalarias”. Denunciou o desentendemento do PP “coa saúde da xente á que tiñan que protexer, se o fixeron todo de feito tan magnífico porque no 2009 a demanda sanitaria de Pontevedra-O Salnés e hoxe non?”. Unha xestión, en definitiva, que pon en risco a saúde e a vida das arredor de 300 mil persoas da Área Sanitaria Pontevedra-Salnés e de someter ao persoal a unha presión inasumíbel que lle impide prestar unha atención axeitada”, recriminou.

Prado sinalou que o problema son a actual carga laboral, “de sobrecarga permanente, que non lle permite atender con garantías á poboación, o problema é o desprestixio na que ten sumido a Atención Primaria as políticas do PP”. Neste sentido, acusou á Consellería de Sanidade de non planificar “nin a curto, nin medio nin longo prazo, a pesares das moitas veces que lle advertimos do que ía acontecer se non tomaban medidas” algo demandado dende hai anos, argumentou, polo BNG, con medidas para garantir o relevo xeracional dado o altísimo número de xubilacións que se ían producir “e a resposta foi sempre caso omiso”, recriminou.

Fronte esta inacción dos Populares, portavoz de Sanidade emprazou ao Goberno do PP a presentar de inmediato un Plan de Continxencia para a Área Sanitaria Pontevedra-Salnés “cunha dotación orzamentaria suficiente para facer fronte a esta situación de desatención  e dotar aos cadros de persoal co número de profesionais precisos para prestar un bo servizo e unha boa calidade asistencial”.

Ademais, a deputada por Pontevedra propuxo presentar un informe no prazo máximo dun mes “coas medidas de planificación e reforzos postos en marcha polo Sergas para anticiparse a esta situación” e que contemple o número de profesionais contratados para reforzar os servizos, as datas e os tempos dos contratos. Propostas todas rexeitadas pola maioría dos Populares na Cámara.