O PP en contra da xubilación anticipada voluntaria na sanidade
O partido que goberna a Xunta rexeita a iniciativa do BNG, "parece que nunca é o momento para recoñecer dereitos ao persoal sanitario, pero sempre é o momento para esixirlle máis e máis esforzos”, afirma Montse Prado
BNG instou á Xunta no Parlamento galego a demandar do Goberno estatal o estudo sobre a normativa reguladora da xubilación anticipada e parcial das e dos empregados públicos para recoller a realidade específica do persoal estatutario e funcionario dos servizos de saúde e acometer, en base ao mesmo, as medidas normativas necesarias para garantir coa maior urxencia o dereito das e dos profesionais sanitarios á xubilación anticipada e parcial de xeito que, cumpridas as condicións necesarias, non se lle apliquen penalizacións e poidan cobrar o 100% das súas retribucións, incluída a atención continuada.
A portavoz nacionalista de Sanidade, Montserrat Prado, defendeu nunha proposición non de lei que a xubilación anticipada supón unha mellora do sistema sanitario, tanto para o persoal como para a cidadanía, xa que posibilitaría, por unha banda, o recoñecemento ás duras condicións psicofísicas nas que traballan os profesionais e, por outra, o rexuvenecemento dos cadros sanitarios. “Se os aplausos cos que se lles agradeceu durante a pandemia o seu labor non leva parello un recoñecemento de dereitos, estaremos ante un exercicio de pura hipocrisía”, afirmou.
Logo de que o grupo parlamentario do PP avanzase a súa oposición a esta iniciativa, Prado reprochoulle que “nunca é o momento para recoñecerlles dereitos aos traballadores e traballadoras da sanidade pública, pero, sen embargo, sempre é oportuno esixirlles máis e máis esforzos”. Así, recordou que para poder solicitar a xubilación voluntaria as e os interesados teñen que ter acumulados case 40 anos de servizo, polo que cuestionou “se non é momento de que profesionais que levan case 40 anos prestando servizos, con quendas, domingos e festivos, en contacto permanente coa dor e cunha presión psicolóxica brutal, non poden ter o dereito a pedir a xubilación anticipada sen perder dereitos económicos?”.
Neste sentido, advertiu que hai moitos e moitas profesionais que se están xubilando “porque non poden máis” perdendo retribucións e, por iso, a proposición non de lei do BNG incide no recoñecemento da xubilación anticipada voluntaria “sen perda de dereitos económicos”, un dereito que debe ser regulado e que, segundo recalcou, o PP nega co veto a esta iniciativa.
“O que estamos pedindo é algo que establece a lei dende hai 15 anos”, incidiu, para engadir a continuación que é o mesmo dereito que xa teñen recoñecido outros colectivos profesionais como o de bombeiros, traballadores aeroportuarios e ferroviarios ou policías locais, por citar algúns exemplos. De igual xeito, negou que a solución ao problema concreto da falta de facultativos e facultativas na Atención Primaria pase por impedir o acceso aos seus dereitos ao conxunto do persoal sanitario. “Non lle poden imputar ás e aos profesionais as consecuencias das súas políticas e que nos levaron a que non haxa determinado tipo de facultativos; solucionen o problema, pero non a costa de non recoñecerlle dereitos ás e aos profesionais”, reprobou con severidade.
A iniciativa nacionalista tamén inclúe o desenvolvemento da Lei do Estatuto xurídico dos empregados e empregadas públicas de saúde de Galiza, contemplado no punto 3 do artigo 109 da Lei 8/2008, para regular a adaptación normativa ás condicións específicas do servizo e do persoal sanitario. Este punto si contou co apoio do grupo parlamentario do PP, polo que foi aprobado pola unanimidade da Cámara.