O PP en contra da Lei Galega de Memoria Histórica para facer xustiza ás vítimas da Ditadura
- Luís Bará defendeu hoxe no pleno do Parlamento unha Lei Galega de Memoria Histórica que resarza ás vítimas da ditadura franquista
- A proposta nacionalista defende crear unha Comisión da Verdade sobre represión das vítimas galegas no franquismo, un Arquivo da Memoria Histórica de Galiza, eliminar os símbolos e monumentos de exaltación do golpe de Estado e declarar “Illa da Memoria”á illa de San Simón
O parlamentario do BNG, Luís Bará defendeu hoxe a proposición non de lei para instar ao goberno galego a desenvolver unha “política pública sobre a memoria histórica”, fundamentada nos Dereitos humanos, a Verdade, a Xustiza e a reparación das vítimas do franquismo en Galiza.
En resposta ao portavoz popular Aurelio Centeno, Luís Bará manifestou que “ninguén fala de revancha nin de rancor, falamos de xustiza, da verdade e de reparación”. De dereitos fundamentais recollidos no informe da ONU de dereitos humanos. Con respecto a transición política á que fixo referencia o deputado do Partido popular, o nacionalista asegurou que moitos militantes comunistas e socialistas cualificárona de “traizón” feita baixo imposición dos “tanques e das baionetas” e baixo un estado de medo.
Para o parlamentario, a actual Lei de Memoria Histórica “é insuficiente” e non resolveu a reparación, as sentenzas e a Lei de Amnistía deixou de investigar crimes a pesar dos acordos internacionais. “Parécenos unha infamia e ofensivo para a memoria das vítimas que o PP sega desobedecendo a organismos internacionais e mesmo o informe relator dos dereitos humanos da ONU” así como as demandas das asociacións que reivindican rescatar a verdade, a xustiza e a reparación das vítimas do franquismo.
Bará defendeu non ter que pisar “unha terra chea de cadáveres, persoas desaparecidas, mulleres e homes soterrados en fosas comúns” e tampouco queremos, recalcou ser “cómplices do xenocidio franquista” , do terror fascista e da súa sombra “noxenta” que desgraciadamente aínda permanece “aquí e entre nós”.
A lei galega proposta polo BNG busca “completar, ampliar e mellorar a Lei estatal” do ano 2007, crear unha comisión da Verdade, “plural, independente e de carácter oficial” que recupere ás vítimas que non aparecen nos rexistros oficiais, unha oficina de vítimas do franquismo que reactive o proxecto “Nomes e Voces” desmantelado polo Goberno de Feijóo e que sexa creado tamén o Arquivo da Memoria Histórica de Galiza como centro público de investigación e divulgación con todo o material recompilado e que na actualidade fica “nun almacén”. Bará fixo fincapé na necesidade de estudar a “memoria oral” referida á violencia contra as mulleres, da que dixo, permanece “ausente nos rexistros e documentos”.
O parlamentario reivindicou declarar a Illa de San Simón, “Illa a da Memoria” e espazo central da loita pola memoria histórica democrática. Derrogar a lei de amnistía de 1997 por ser un obstáculo para abrir investigacións e procedementos penais contra violacións graves dos dereitos humanos. Instar ao goberno do Estado a reformar a Lei Orgánica do Estatuto da Vítima do Delito para incluír nela ás vítimas da represión franquista. Elaborar o Mapa da Memoria, iniciativa tamén eliminada polo Parido popular, e facer cumprir a lei no relativo á retirada de todo tipo de simbolismo franquista en rúas e monumentos así como “suprimir títulos honoríficos e recoñecementos a persoas vencelladas á Ditadura”.