O PP converte o Parlamento Galego no seu feudo exclusivo
Os deputados do BNG, Mercedes Queixas, Manuel Lourenzo e Daniel Castro abandonaron a Comisión de Educación e Cultura en protesta pola “vulneración de dereitos” exercida pola presidenta da comisión, a popular, Teresa Egerique Mosquera.
A parlamentaria do BNG, Mercedes Queixas, explicou o abandono da comisión afirmando que a popular Teresa Egerique mantén “un reiterado desprezo” polos “dereitos democráticos” dos deputados e deputadas e “un uso partidista” do Parlamento galego como un “feudo exclusivo do PP”.
Os deputados e a deputada do Bloque tomaron esta decisión logo de que a presidenta da comisión determinase o debate acumulado dunha iniciativa nacionalista e outra do PP: a primeira sobre as xestións a realizar pola Xunta para que a lingua galega estea dispoñible nas plataformas dixitais e a segunda, sobre as actuacións a desenvolver polo Goberno galego para favorecer o acceso a formatos dixitais de obras en galego e fomentar a lectura dixital, dous asuntos que non teñen relación entre si, salvo a palabra “dixital”.
Egerique decidiu continuar co debate pese aos argumentos esgrimidos polo BNG, unha actitude que a portavoz nacionalista de Cultura cualifica de “intolerante e antidemocrática”. Para o grupo parlamentario do Bloque, este proceder busca evitar que o Parlamento sexa “un verdadeiro foro de debate” e amosa unha concepción “censora e de veto” sistemático ás propostas do Bloque Nacionalista Galego.
A deputada do BNG lembra que non é a primeira vez que Egerique usa a “mentira e a manipulación” para ocultar a súa incapacidade para desenvolver a alta responsabilidade como presidenta da comisión de Educación e Cultura. Este uso interesado do Parlamento en beneficio do PP amosa, segundo remarca, “a verdadeira actitude antidemocrática do partido de Rueda”.