O PP confirma ao BNG que a empresa CONRESA é responsable dos malos cheiros no lugar de Couso no concello de Ribeira
A deputada do BNG, Rosana Pérez afirmou hoxe, tras o debate da proposta nacionalista para investigar as verteduras no lugar de Couso, na parroquia de Aguiño no concello de Ribeira que o Partido popular confirmou que a “empresa CONRESA é a causante dos malos cheiros que se veñen producindo en Aguiño”.
Rosana Pérez sinalou que “ non é de recibo” que sexa o propio Partido popular o que anuncie que a empresa CONRESA investirá un millóns de euros nas instalacións para paliar “os malos cheiros e contaminación que produce”. A estas alturas, e despois de tantos anos da instalación da empresa nunha zona “sensible medioambientalmente e de produción marítima” agora o PP anuncia que a Xunta actúa cando hai denuncias pero tamén de oficio o que e, en opinión da nacionalista colide con gran número de queixas e denuncias rexistradas por distintos sectores afectados.
A deputada criticou que Augas de Galiza asegure que realizou investigacións “de oficio” porque coñecía a orixe dos cheiros. Augas de Galiza e a consellería deixaron que o “problema apodrecera” poñendo en risco a saúde da veciñanza e permitindo un grave dano medioambiental. Ademais, engadiu a deputada, o Partido popular rexeitou a iniciativa do BNG alegando que a Xunta xa está a investigar. Unha de dúas, dixo, “ou o servizo de inspección funciona moi mal e non están facendo as inspeccións necesarias ou ben non queren aplicar a normativa sancionadora contra a empresa”.
Rosana Pérez lembrou que os veciños e veciñas do lugar chegaron a recoller sinaturas solicitanto que non se concedesen máis licenzas para industrias contaminantes na zona e trasladou a preocupación dos veciños, veciñas e mariñeiros ante a existencia de residuos no mar , na coloración das augas e a presenza de verteduras de aparencia aceitosa.