O PP busca un acordo ficción para xustificar a súa lamentábel xestión" no naval
Carme Adán pediu un compromiso real ao PP para construír o dique flotante nos estaleiros públicos da ría de Ferrol, levantar o veto a Navantia-Fene e carga de traballo para os estaleiros galegos
A deputada do BNG, Carme Adán defendeu unha moción destinada a fomentar a actividade do Sector naval galego a través da construción do dique flotante e carga de traballo para os estaleiros galegos.
A deputada advertiu que o voto favorábel do PP ás reclamacións nacionalistas pode converterse nun acordo ficción para lavar a cara tras a lamentábel xestión do Goberno galego co sector.
Na súa intervención, Adán relatou as diferentes situacións históricas e políticas atravesadas polo naval dende o ano 1978 até a actualidade, así como as diferentes mocións entre as que destacou a defendida polo BNG no Congreso dos deputados votada desfavorablemente tamén polo Partido popular no ano 2012 e 2013.
A nacionalista criticou que o Partido popular naquela ocasión, votara en contra de aprobar un plan galego para impulsar a construción do dique flotante nos estaleiros públicos de Navantia na ría de Ferrol, xestionar en Europa o levantamento do veto contra Navantia Fene, a presenza do sector na axenda exterior do Goberno para lograr contratos de buques e clarificar os contratos coa petroleira PEMEX, todo isto, reiterou , foi rexeitado polo PP en febreiro de 2013 porque o Partido popular xa tiña claro que non ía cumprir o que tanto denunciaba cando gobernaba o Partido socialista, mentiron á cidadanía cando prometeron construír o dique flotante e o Plan Impulsa Ferrol, denunciou.
A parlamentaria criticou a intención do Partido popular de resolver a cuestión cun acordo ficción e lembrou que os traballadores/as do sector naval están fart@s de acercarse ao Parlamento e atoparse cun cordón policial, vostedes son responsábeis de que non se constrúa o dique flotante e nas emendas aos orzamentos para o ano 2014, tiran a toalla xustificando que é Europa que o impide cando hai precedentes de diques como en Francia.
A nacionalista apelou á maioría do Partido popular en Madrid e Europa para reflotar un dos sectores produtivos máis importantes en Galiza e criticou que gobernantes galegos protestaran recentemente en Madrid ante a SEPI porque, ao seu xuízo, soa a espectáculo e non a convencemento real. A deputada volveu reclamar que Núñez Feijóo exerza dunha vez por todas como Presidente
Pola súa parte, o portavoz popular, Miguel Tellado afirmou que ningún Goberno en Galiza apoiou tanto como o do PP ao sector naval e achacou a situación á "mala xestión" da dirección de Navantia.
Finalmente, a moción nacionalista foi aprobada hoxe por unanimidade para instar ao Goberno central a acadar carga de traballo para os estaleiros galegos.