PP aplica o rodillo e veta a comparencia de Feijóo e o debate sobre a traxedia de Angrois na Cámara
O PP impuxo a súa maioría para vetar a comparecencia do presidente da Xunta para explicar as medidas do goberno galego ante a situación crítica do sector leiteiro e a celebración dun pleno para abordar a creación dunha comisión de investigación do accidente de Angrois, mentres as vítimas seguen a reclamar responsabilidades políticas dous anos despois da traxedia.
A deputada nacionalista Tereixa Paz subliñou durante o debate na Deputación permanente da Cámara que hai 3.000 explotacións
leiteiras en risco de desaparición ante a extorsión da industria e das cadeas de distribución, que impoñen prezos por debaixo de custe e moi por debaixo doutros territorios.
Andalucía, Extremadura ou Castela-La Mancha aumentan espectacularmente a súa produción de leite mentres aquí non nos deixan producir, e iso pese a ser territorios con menores aptitudes, ao que se suma o feito de que os seus produtores cobran moito máis polo leite cos e cas gandeiras galegas, denunciou Paz, o que proba que non se trata dun problema de mercado.
Neste contexto, alegou a deputada, pregúntolle ao presidente da Xunta senón lle preocupa que esteamos ante unha estratexia de deslocalización da produción de leite para centralizala nos lugares máis próximos á comercialización, que nos deixen a nós a produción marxinal e que Galiza acabe condenada a ser o low-cost da produción de leite no Estado español.
Deserción da Xunta
Paz denunciou o total descrédito da conselleira Rosa Quintana, como quedou de manifesto no recente plantón da industria, unha fraqueza da Xunta consecuencia de ter desertado da defensa do sector. Nas antípodas, o goberno francés é capaz de coller das orellas á distribución e impedirlle que utilicen o leite como reclamo comercial, pero aquí o
PP non pode porque seguramente é o PP quen está collido polas orellas da caixa B, ironizou a deputada.
O PP, ademais de impedir a comparecencia de Feijóo para explicar a estratexia da Xunta en defensa do sector leiteiro, tamén vetou debater en pleno a creación dunha comisión de investigación sobre o accidente ferroviario de Angrois, tal como seguen a reclamar as vítimas dous anos despois da traxedia sen que se tivesen asumido responsabilidades políticas.
As vítimas non se merecen que o 24 de xullo pase á historia como o aniversario da impunidade, subliñou o portavoz parlamentario Francisco Jorquera, quen instou aos responsables do PP a acudir á manifestación convocada na praza do Obradoiro e explicarlles ás vítimas que considera inmoral a creación desa comisión de investigación.
O BNG lembrou que a investigación xudicial leva case un ano parada, entre outras cousas pola táctica obstrucionista dos responsábeis de Renfe e ADIF, mentres lonxe de producirse dimisións políticas algúns, para humillación das vítimas, mesmo foron premiados, lamentou Jorquera.