O PP agocha a Rueda para que non explique a grave situación da sanidade pública
A videportavoz parlamentaria do BNG, Olalla Rodil lamentou que , unha vez máis,” o Partido popular impida que o Presidente da Xunta compareza na Cámara galega para dar conta da grave situación sanitaria como solicitou o BNG na Xunta de Portavoces. Por outra banda, anunciou que a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón preguntará ao Presidente polas medidas do goberno galego contra a inflación en Galiza que supera a media do Estado.
Solicitamos a inclusión da comparecencia do presidente da Xunta no vindeiro pleno, para abordar a situación na que se atopa a sanidade pública galega e especialmente a Atención Primaria así como as medidas a adoptar polo Goberno para garantir a debida atención sanitaria e o dereito á saúde de todas as galegas e galegos. O PP, unha vez máis, “rexeitou esta proposta” e impediu que Rueda “dea a cara”.
O BNG pide reforzar a sanidade pública para blindar a saúde da cidadanía
Rodil asegurou que ante o “colapso da Atención Primaria” “con milleiros de galegas e galegos en lista de agarda para ver o seu médico de cabeceira; baixas que non se cobren deixando centros de saúde e PACs sen persoal médico e milleiros de persoas sen facultativo, son motivos suficientes para a comparecencia de Alfonso Rueda pero “o PP non quere que o Presidente dea a cara” e no seu lugar comparecerá o conselleiro de sanidade.
Ante esta decisión do Partido popular, desde o BNG aproveitaremos a comparecencia de García Comesaña para sinalar os problemas e achegar solucións na dirección de “blindar a saúde das galegas e galegos con medidas que reforcen a sanidade pública”.
Ademais, engadiu a deputada do BNG, tamén preguntaremos ao Goberno pola situación sanitaria do concello de Moaña no que veciñanza e goberno local “levan un ano reclamando a restitución das urxencias”, tras suprimir este servizo na Casa do Mar de Moaña e derivar á poboación ao concello de Cangas. Utilizaron, dixo, a COVID “supostamente de maneira provisional” pero a veciñanza de Moaña segue sen servizo de urxencias e cunha grande lista de espera para poder acudir ao médico.
Medidas contra a crise e incremento de prezos
A Crise de prezos e as consecuencias sociais e económicas provocadas polo incremento do custe da vida será outro dos ámbitos nos que o BNG centrará as súas intervencións na vindeira sesión plenaria coa pregunta desta forza política, Ana Pontón sobre as medidas que vai adoptar o goberno contra a inflación.
Olalla Rodil avanzou que o BNG defenderá unha proposición non de lei contra a “feminización da probreza” e a “introdución da perspectiva de xénero en todas as políticas”. Asemade, volveu a reclamar a restitución “inmediata da Tarxeta Básica” como medida de urxencia para garantir que as persoas sen recursos conten con ingresos para mercar alimentos e produtos de primeira necesidade.
O BNG tamén vai propoñer a creación “dun abono familiar galego “ que combata a pobreza infantil especialmente nas “familias monoparentais” nas que as taxas de pobreza son moi superiores á media e que poñen en risco de exclusión ao 54% destes fogares encabezados, na súa inmensísima maioría, por mulleres.
Colapso na páxina da Xunta nas solicitudes para persoas autónomas
Tras o anuncio da liña de axudas da Xunta para autónomos e autónomas, o domingo “de madrugada” como se fose a compra de entradas para un concerto, a avalancha de solicitudes produciu o colapso da páxina web. Rodil cualificou de “despropósito” o acontecido e unha constatación da difícil situación do sector ante a suba dos prezos. A Xunta, criticou, a nacionlista. propuxo unha sorte “de Xogos da Fame” para repartir as axudas.
Finalmente, o BNG interpelará ao titular de Medio Rural sobre a exclusión de centos de explotacións das axudas ao ecolóxico e proporá medidas para axudar aos concellos do sur de Galiza afectados polas riadas das últimas semanas, tendo en conta que a Xunta está de brazos cruzados e non impulsou nin unha soa medida para axudar a estes municipios e á veciñanza afectada.