Posición do BNG sobre as negociacións entre Xunta, deputacións e FEGAMP para a elaboración dun plan conxunto de axuda á hostalaría e turismo
O BNG fixo unha proposta clara e contundente para dar resposta inmediata aos sectores económicos afogados como consecuencia da pandemia: plan de rescate con axudas á alemá, que compensen o 70% das perdas, e un plan de axudas negociado entre a Xunta, Concellos e Deputacións nos que as tres administracións fagan o mesmo esforzo orzamentario.
Esta proposta faise co convencemento da necesidade de dar unha resposta áxil e rápida a uns sectores que xa non pode agardar máis, e que só cun gran acordo entre as administracións e forzas políticas se poderá facer fronte á dramática situación económica que a sociedade galega afronta.
A Xunta de Galiza -administración que ten as competencias en materia económica- renunciou a liderar este imprescindíbel proceso de acordo para a elaboración dun plan de rescate. Fixo a súa proposta cun plan no que comprometía o esforzo orzamentario das deputacións e os concellos a través dos medios de comunicación, despois dunha reunión co sector da hostalaría, sen se ter dirixido nunca previamente nin ás deputacións nin aos concellos nin á FEGAMP.
As reunións que se celebraron entre a Xunta, as deputacións e a presidencia da FEGAMP foron convocadas polo Clúster de turismo. De existir intención de chegar a un acordo por parte da Xunta tería convocado desde o primeiro momento a deputacións, concellos e FEGAMP, cousa que nunca fixo; non houbo en todo este tempo ningunha comunicación directa da Xunta de Galiza coas demais administracións necesariamente implicadas na elaboración deste plan.
A pesar disto, e sen darse estas reunións no marco máis axeitado, no BNG pensamos que habendo vontade política, o imprescindíbel acordo entre as administracións era posíbel: un acordo baseado na colaboración inter-administracións co mesmo esforzo orzamentario por parte de todas, e cun mecanismo de xestión áxil co obxectivo de facer chegar no prazo máis breve posíbel as axudas aos sectores máis afectados. O BNG propiciou e impulsou acordos neste sentido tanto no Parlamento Galego como en Deputacións e Concellos.
Lamentamos profundamente o fracaso deste proceso de negociación para a consecución do plan de axudas debido á situación de partida da Xunta de Galiza e á cerrazón do PSOE, a través das presidencias das Deputacións e da Presidencia da FEGAMP (o Presidente da FEGAMP non daba traslado de ningún acordo da Executiva da FEGAMP, xa que en ningún momento nese órgano se acordou o modelo de xestión da axuda nin a participación concreta dos distintos Concellos que forman parte da mesma). Uns e outros fixeron primar as súas posicións partidarias sobre a necesidade e urxencia dun grande acordo político de rescate a estes sectores.
No BNG temos claro que é imprescindíbel altura de miras para acadar os acordos políticos e inter-administrativos imprescindíbeis e urxentes para que a sociedade galega poda superar a grave situación económica e social derivada da pandemia. Seguiremos propiciando e colaborando, coa man tendida a todas as forzas políticas e en todas as administracións, para que sexa posíbel. A dramática situación que atravesamos esixe deixar de lado posicións partidarias curtopracistas, e adicar todas as enerxías a traballar por conseguir un gran acordo. Nesta posición, e só nesta, é onde vai estar sempre o BNG.