A deputada do BNG Rosana Pérez levou hoxe á Comisión 8ª do Parlamento a situación provocada pola falta de lugares de amarre no porto de Rianxo, problemática agravada dende o pasado mes de agosto cando axentes da Garda Civil requiriron verbalmente a algúns propietarios que retiraran as súas embarcacións do lugar no que amarraban dende hai tempo.
No transcurso dunha pregunta ao presidente de Portos, José Antonio Álvarez Vidal, a deputada nacionalista advertiu dos problemas que está xerando no porto a falta de amarres, sobre todo para os propietarios das embarcacións da 3ª e 7ª lista -buques de pesca os primeiros e embarcacións deportivas de recreo os segundos- aos que este verán a Garda Civil emprazou a retirar as súas embarcacións do lugar onde atracaban, unha sorte de escollera na contorna do porto de Rianxo.
Porén, os afectados non recibiron notificación escrita de ningunha administración, asegurou Rosana Pérez, á que o presidente de Portos informou de que non partiu deste organismo a orde nin denuncia ningunha sobre estas embarcacións.
En resposta ao BNG, o responsable de Portos comprometeuse a presentar antes de que remate este mes á confraría e ao sector un novo proxecto para o porto de Rianxo e tamén a dar unha pronta solución, transitoria, para o amarre das embarcacións da terceira lista pois, como lle advertiu Rosana Pérez, “estamos diante dun serio problema que mesmo lle impide desenvolver con normalidade a súa actividade profesional”.
Aínda que a maior urxencia á hora de buscar unha solución é para os buques de Pesca, a representante do Bloque tamén subliñou as consecuencias para os propietarios de barcos da 7ª lista, “en moitos casos persoas xubiladas e con poucos recursos, que se verán suxeitas ao pago de taxas” e que agora ademais se expoñen a que alguén os denuncie ou que sexan sancionados.
A solución para os afectados da sétima lista, segundo expuxo o responsable de Portos, será máis a logo prazo, aínda que se intentara negociar co Club Náutico a súa reubicación, explicou ante as preguntas formuladas pola deputada do BNG.