Pontón: “A Xunta declárase en rebeldía contra as sentenzas do TSXG ”

A deputada nacionalista mantén unha xuntanza con representantes da plataforma “Queremos Galego” ao fin de analizar a evolución do proceso de normalización do idioma galego e facer entrega das iniciativas do BNG defendidas nesta materia ao longo da lexislatura

A portavoz de Política Lingüística do BNG, Ana Pontón mantivo hoxe, en sede parlamentar, unha xuntanza con representantes da plataforma “Queremos galego” co obxecto de avaliar o proceso de normalización lingüística e facer entrega das iniciativas defendidas, nesta materia polo grupo parlamentario nacionalista, ao longo desta lexislatura.

Na súa intervención ante os medios de comunicación, a nacionalista afirmou que o galego está a ser tratado en Galiza como “unha lingua estranxeira” e a Xunta, lonxe de cumprir o papel da súa normalización situase no lado contrario con continuos ataques e “declarándose en rebeldía contra as sentenzas do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza”.

Pontón fixo entrega da Proposición de Lei, pendente de debate parlamentario” na que @s nacionalistas reclaman “regular a normalización da lingua galega nos seus usos sociais e públicos”.

Para a parlamentaria, trinta anos de proceso normalizador “non serviron para que o galego acadara un proceso de normalización lingüística en todos os ámbitos” polo que reclamou “un marco regulador para dar amparo ás políticas que son precisas neste momento”.

Pontón criticou as consecuencias do decreto do plurilingüismo entre as que destacou a “marxinalidade do galego na educación infantil” que sitúa o emprego da lingua galega nun 5 por cento das escolas.

A deputada engadiu que a única finalidade do decreto, non era outra máis que “varrer a presenza da lingua galega do ámbito do ensino” e insistiu na necesidade da súa “derrogación”.

A Xunta, dixo, debe asumir que o decreto vai contra o proceso de normalización e as sentenzas en contra neste sentido constatan esta realidade, a consulta aos país sobre a lingua na educación, aseverou, “resulta un ataque a nosa lingua”.

“Queremos galego” pide afondar na lexislación para normalizar a lingua galega

Pola súa parte, Susana Méndez e Marcos Maceiras, representantes da plataforma “Queremos galego” afirmaron que tras trinta anos da lei de Normalización Lingüística, unha lei que no seu momento supuxo un paso importante para a normalización do galego, agora comprobamos que se está a producir un importante retroceso por mor das políticas dun goberno que non exerce como “garante da nosa lingua”.

Susana Méndez esixiu, ao igual que fixera a deputada do BNG, a derrogación do decreto do plurilingüismo por “relegar a lingua no ensino a mínimos históricos” e pediu que o Goberno galego abandone a súa “arrogancia e fachenda” na consulta ás familias e inicie un proceso baseado no consenso cara un decreto no ensino que realmente “incida e tente conseguir a normalización da nosa lingua”.