Pontón urxe a Rueda a paralizar o vertido de 4 millóns de metros cúbicos de auga contaminada na Ría de Muros-Noia
BNG denuncia que o PP poña en risco o futuro de Galiza, o medio ambiente, o mar e 5.000 traballos, dándolle vía libre a unha multinacional
A portavoz nacional afirma que o Bloque apoiará á veciñanza na próxima manifestación contra os vertidos da mina de San Finx o próximo 29 de abril
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, mantivo esta mañá un encontro cos representantes da Plataforma contra os vertidos da mina de San Finx.
“Despois da multitudinaria manifestación na comarca de Muros-Noia que se levou a cabo no pasado mes de febreiro, o goberno do PP segue a facer ouvidos xordos e vemos que xa deron comezo as obras para levar adiante o vertido de 4 millóns de metros cúbicos de auga contaminada sobre a Ría”, denunciou a líder do Bloque.
Mentres está tendo lugar unha acción que pode ter un efecto devastador sobre a actividade pesqueira e marisqueira dun ecosistema único, do que viven miles de familias, “o PP do señor Rueda permítelle a unha multinacional seguir adiante cuns plans de vertidos representa un atentado medioambiental”, indicou Pontón.
Fronte a isto, o BNG amósase firme na súa posición e manifesta todo o seu apoio ao sector pesqueiro e marisqueiro do Barbanza. Como consecuencia, a portavoz nacional instou a Rueda a que “deixe de poñer os intereses dunha multinacional con sede en Australia por riba dos intereses de miles de familias que viven da pesca e do marisqueo na Ría de Muros-Noia”.
Pontón destacou tamén como o PP está poñendo en risco o futuro de Galiza e situándose do lado dunha multinacional mineira que opera en paraísos fiscais ao permitir que tire 4 millóns de metros cúbicos de auga contaminada con cinc, cobre e cadmio a unha das rías máis produtivas do País. “O Partido Popular está poñendo en perigo o futuro de Galiza, o noso medio ambiente, o noso mar, e 5.000 postos de traballo”, indicou a portavoz nacional.
O BNG do lado da maioría social
O BNG sitúase sempre do lado das persoas, colocándoas no centro das súas políticas. Por iso, a portavoz nacional manifestoulles aos representantes da Plataforma contra os vertidos da mina de San Finx que “o Bloque estará sempre do seu lado para defender
o seu dereito a vivir do seu traballo, para defender o coidado do noso medio ambiente, e para defender que a riqueza natural de Galiza se poña ao servizo dos galegos e das galegas e non sexa un botín para que se enriquezan catro multinacionais mentres deixen destrución e contaminación ao seu paso”.
Co foco posto en que “o PP debería de ter a decencia política de defender Galiza”, Pontón insistiu en que “Rueda ten que gobernar por unha vez para a xente e non poñerse do lado dunha multinacional que pode destruír por completo a Ría de Muros-Noia”.
A portavoz nacional tamén alertou sobre a situación das balsas de residuos mineiros que cualificou como “unha bomba ambiental por estar completamente cheas e en moi mal estado”, sinalando que “mentres que a empresa á que lle corresponde non quere facerse cargo, o Goberno do PP e o Goberno do Estado desenténdense e miran para outro lado”.
“Fronte a un PP empeñado en poñerse do lado de quen quere aproveitarse de Galiza, o BNG vai estar sempre na defensa dos intereses dos galegos e das galegas. Por iso apoiaremos á veciñanza na manifestación convocada para o 29 de abril” concluíu.