O BNG confía en que saía adiante a nova constitución chilena
A portavoz nacional, Ana Pontón, na súa primeira xornada dentro da axenda de traballo en Chile, mantivo un encontro no Senado do país andino con Elisa Loncón, activista mapuche que presidiu a Convención Constitucional de Chile, órgano creado para redactar unha nova constitución desde a democracia e a igualdade.
Pontón aproveitou a xuntanza, na que tamén participou a responsable da Área de internacional da Executiva nacional, Ana Miranda, para trasladar o total apoio do BNG ao proceso constituínte que ten como obxectivo darlle a Chile unha nova constitución e que concluirá co proceso plebiscitario previsto para o 4 de setembro. Data no que o pobo chileno está convocado ás urnas para valorar o texto da que, de aprobarse, pasaría a ser a primeira Carta fundamental, discutida e redactada en democracia nese país.
“Desde realidades distintas, compartimos a defensa dos nosos pobos, a defensa da xente do común a ter unha vida digna, desde a súa identidade nacional, lingüística e cultural”.
O texto lexislativo que se someterá a votación aposta pola plurinacionalidade, a defensa dos pobos e das súas linguas e culturas, “e o BNG desde Galiza tamén defendemos o recoñecemento da realidade plurinacional, plurilingüe e pluricultural do Estado español”, indicou. De aprobarse, a futuro constitución consolida un Estado laico que defende valores como a ecoloxía, o feminismo.
Pero son máis os puntos de encontro, porque o Bloque comparte as ansias de cambio, de abrir un tempo novo en Galiza, como ven de facer Chile tras a chegada de Gabriel Boric á Presidencia, cambio que se completaría coa aprobación dunha nova constitución. A formación nacionalista confía en que gane o Apruebo.
No encontro tamén abordaron outros asuntos compartidos, como a importancia da defensa do territorio, de evitar o espolio dos recursos naturais, que deben servir para mellorar a vida das persoas, ou a importancia da mobilización social para avanzar en dereitos e liberdades.
Pontón e Miranda completaron a xornada con reunións con diferentes forzas políticas, dentro das relacións internacionais do BNG, como a celebrada con Revolución Democrática, partido do actual presidente chileno. Tamén destaca o convenio de colaboración asinado entre a Fundación Chile Constituyente XXI e a Fundación Galiza Sempre.