Pontón transmite todo o apoio do BNG ao novo goberno de Petro e Márquez en Colombia
Encontro coa vipresidenta Francia Márquez, á que lle trasladou todo o apoio do BNG para o novo tempo política que se abre no país americano
A portavoz nacional, Ana Pontón, finalizou a súa axenda internacional que a levou a Chile e Colombia coa asistencia ao acto de investidura do presidente Gustavo Petro e da vicepresidenta Francia Márquez, a quen tivo ocasión de trasladarlle todo o apoio do BNG de cara ao novo tempo político que se abre no país, da man dun goberno que declara o seu firme propósito de servir á maioría social poñendo en marcha reformas profundas a favor do pobo.
A investidura, que se transformou nunha gran festa popular, “será recordada como un día histórico para Colombia porque trae a esperanza dunha vida mellor para unha maioría social, a esperanza nunha vida sabrosa e de dignidade, por utilizar as mesmas palabras de quen colle o temón do País, tanto da vicepresidenta Márquez como do presidente Petro”, destaca Pontón.
“O mesmo acto da investidura cunha celebración aberta a todo o pobo colombiano e no só a unha elite foi tamén unha maneira simbólica de deixar claro o cambio histórico o tempo novo de ilusión, de esperanza e de vida que se abre neste País".
Foi unha honra representar ao BNG nesta ocasión histórica, na que se sente o cambio polo que o pobo colombiano leva tanto tempo loitando.
A axenda de Pontón en Colombia antes da xornada da investidura, xunto coa responsable da Área de internacional do BNG, Ana Miranda estivo precedida de diversas reunións, entre eles a xuntanza con responsables de Colombia Humana, partido político que lidera o propio Petro, co que a formación nacionalista reforzou lazos de colaboración. Igualmente, Pontón e Miranda mantiveron encontros con referentes políticos colombianos, como a deputada do Pacto Histórico, María José Pizarro, e con Luís Pérez Casas, maxistrado e experto en dereitos humanos.