Pontón solicita reunirse con Rueda e Formoso para garantir que Galiza non sexa discriminada na transferencia da AP-9
“Non podemos permitir que esta lei naufrague de novo. O interese de Galiza ten que estar por enriba dos intereses partidistas”, indicou
Outros lugares do Estado como Euskadi e Cataluña contan xa coa transferencia de autoestradas similares dende hai anos
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, compareceu esta mañá con respecto á transferencia da AP9 a Galiza, que o Bloque leva anos reclamando.
A oito meses de que remate esta lexislatura, Pontón afirma que “non se pode permitir unha vez máis que a transferencia da AP-9 naufrague cando é algo que conta co acordo unánime do Parlamento galego”. A portavoz do BNG preguntouse “por que o PP e o PSOE non defenden en Madrid o que aceptan en Galiza”, poñendo sobre a mesa tamén que “outros lugares do Estado como Euskadi e Cataluña teñen a transferencia de autoestradas similares dende hai anos”.
Con respecto disto, Pontón lembrou que “a única boa nova en torno á AP-9 nestes anos foi a rebaixa histórica conseguida polo BNG”. Por iso, a portavoz nacional declarou terlle enviado unha carta ao Presidente da Xunta e ao Secretario Xeral do PSOE para “ter unha xuntanza e traballar na defensa de que non haxa máis retrasos na transferencia da AP-9” e tamén “para traballar na solicitude de os grupo do Congreso respecten o acordo unánime do noso Parlamento”, engadiu.
Galiza ten que estar por diante de intereses partidistas
Até o de agora, o camiño desta lei para transferir a AP-9 a Galiza foi unha “carreira de obstáculos”. Pontón lembrou como “houbo que tramitala en tres ocasións no Parlamento galego e superar o veto do Goberno e da Mesa do Congreso, presididos por Mariano Rajoy e Ana Pastor, respectivamente, e con Feijóo liderando a Xunta de Galiza”.
Se botamos a vista atrás, malia que unha sentenza declarou ilegais estes vetos, a lei tivo que pasar en dúas ocasións polo Congreso para a súa toma en consideración, sendo a última en febreiro de 2021. A portavoz do BNG explicou como “no trámite parlamentario nas Cortes, o Bloque non presentou emendas para evitar manobras dilatorias, superando as 17 prórrogas para a presentación de emendas”. “Despois disto”, lamentou Pontón, “tanto o grupo popular como o grupo socialista presentaron emendas que ameazan con facer descarreirar, unha vez máis, a proposición aprobada de xeito unánime no Parlamento galego”.
“Estamos nun momento decisivo, así que apelo á colaboración porque o interese de Galiza ten que estar por diante dos intereses partidistas”, concluíu.