Pontón a Rueda: “Quédalle moi grande o traxe de presidente”
Galiza está quedando atrás por un Goberno do PP esgotado e cun xefe do Executivo incapaz nin de dirixir un partido enlamado na corrupción, alega
Rueda elude responder sobre que vai facer en Ourense tras o 28M
A portavoz nacional, Ana Pontón, utilizou a sesión de control para denunciar que Galiza está quedando atrás por un Goberno do PP esgotado, sen proxecto e sen ideas, “mesmo desnortado”, e incapaz de defender os intereses dos galegos e das galegas.
Entre 2009 e 2021 emigraron 198.939 mozos e mozas menores de 34 anos; hai 20.000 persoas menos afiliadas á Seguridade Social, a poboación activa caeu en 71.100 persoas; o PIB medra menos que a media estatal e perdemos 105.625 habitantes.
“Os datos demostran que o País non vai ben, pero claro como vai ser capaz de dirixir Galiza quen non é capaz nin capaz de dirixir o seu propio partido”, interpelou Pontón en relación a Rueda a quen acusou de “calar e mirar cara outro lado” ante a sucesión de escándalos do PP. “Quédalle grande o traxa de presidente”, sentenciou.
“Primeiro foi Baltar convertido nun perigo público a 215 quilómetros por hora en coche oficial un domingo camiño de Madrid e seguimos sen saber para que; a súa resposta foi calar e mirar para outro lado. Despois descubrimos con estupor que o de “ser un macarra e ser un hortera” ao volante, como cantaban os Ilegales, non era algo puntual, senón unha práctica habitual de Baltar no coche oficial, acumulando multas que pagaba a cidadanía de Ourense. A resposta do señor Rueda? Calar e mirar para outro lado”, denunciou a líder do BNG.
E nesta sucesión de escándalos chegan os audios do irmá de Baltar sobre o presunto cobro de mordidas, outra práctica habitual do Partido Popular como é adxudicar obras públicas a cambio do cobro de comisións.
Na información difundida polo diario Público, o irmá de Baltar fala dunha mordida do 12% en alusión a unha empresa que só entre 2019 e 2021 asinou 58 contratos coa Deputación de Ourense por máis de 2 millóns de euros, adxudicación directa e sen concorrencia competitiva. Unha vez máis, denunciou a portavoz nacional do Bloque, a resposta de Rueda foi “calar e mirar para outro lado”, ante un presunto caso de financiamento ilegal que o BNG denunciou ante a Fiscalía.
“O que debe enfadarlle non é que lle pregunten pola corrupción do PP e de Baltar senón que haxa corrupción no seu partido señor Rueda, pero xa vemos cal é o seu compromiso coa rexeneración democrática”, salientou preguntando directamente ao presidente do Partido Popular que vai facer en Ourense, tanto na cidade como na cidade, “repetirá o que pasou fai catro anos, vai seguir mantendo a situación insostible de Baltar?”, pregunta que o xefe do Executivo non foi capaz de contestar.