Pontón a Rueda: “O Goberno do PP é un perigo para a saúde dos galegos e das galegas cos recortes na sanidade pública”
Critica o veto do PP a sumir a formación MIR duns profesionais que foxen da precariedade: “O seu gran logro son listas de espera en primaria”
Propostas: plan de rescate de atención primaria de 200 M€, contratar máis profesionais e dotar de novos servizos os centros de saúde
A portavoz nacional, Ana Pontón, denunciou ante o presidente da Xunta que o Goberno do PP está convertido, literalmente, “nun perigo e nun problema para a saúde dos galegos e das galegas”, tras trece anos de recortes, privatizacións e desmantelamento da sanidade pública “para favorecer que o privado faga negocio tamén coa saúde”.
Pontón detallou como a cidadanía se mobiliza na rúa en defensa do seu dereito á saúde, como os recortes se traducen en PACs sen persoal médico, cun xefe do Executivo que afirma que “mellor PACs con persoal de enfermería que sen nada” e como o colapso da atención primaria termina saturando os servizos de urxencias hospitalarias e provoca desvío de doentes a sanidade privada.
Na súa intervención, Pontón tamén detallo como “os recortes do PP no só poñen e perigo a saúde senón que tamén violan os dereitos do persoal sanitario como acaba de ditaminar unha sentenza do TSXG”, explicou no cara a cara con Rueda.
A portavoz do BNG foi moi crítica co intento do Partido Popular de “culpar” aos profesionais dos recortes, “uns profesionais que o dan todo e máis”, recalcou, pero que tiveron que saír a desmentir ao Goberno nun durísimo comunicado, “no que lle din ao PP que os colexios de médicos non pechan servizos e que continuar con axendas desbordadas ou manter PACs con persoal de enfermería supón unha fraude asistencial e un elemento de inseguridade para as persoas doentes”.
O Bloque, subliñou, “está totalmente a favor non só de ter máis prazas MIR senón mesmo de que Galiza teña esa competencia para poder axustar a oferta á realidade da sanidade galega, pero o PP votou en contra porque ter a competencia significa ter que dar explicacións e asumir a responsabilidade da planificación MIR”. En todo caso, e ante o mantra popular de que falta persoal facultativo, Pontón aportou dous datos.
“Primeiro, a deliberada falta de anticipación e de planificación do PP, ignorando o número de profesionais que se xubilan cada ano na sanidade. E, segundo, o número de médicos e médicas que foxen da precariedade que o Goberno do Partido Popular impuxo na sanidade pública”. Por iso, alegou, só o pasado ano, 105 médicos e médicas solicitaran o permiso para ir traballar ao estranxeiro, “e poden dar por feito que non é para enmarcalo e colgalo na parede”. Escapar desa precariedade é o que tamén explica que moitos profesionais que realizan a especialidade de primaria despois non van aos centros de saúde.
Neste sentido, Pontón demandou a Rueda que atenda o que di o TSXG e que, en lugar de recorrela, cumpra a sentenza e acabe coa precariedade en atención primaria.
“Iso é o que debe facer, baixar da súa nube de propaganda e pisar a realidade, esa que nós di que o gran logro do PP en materia sanitaria foi instaurar listas de espera para ver ao médico ou médica de cabeceira. Así que déixese de mentiras, de fogos de artificio e de atacar ao BNG e póñase a traballar para defender a sanidade pública e garantir o dereito a saúde e lugar de desmantelar o público para favorecer o privado”, reclamou.
Pontón concluíu sintetizando as propostas nacionalistas, empezando por un plan de rescate de atención primaria de 200 millóns de euros; contratar máis persoal sanitario no que é o corazón do sistema, así como dotar aos centros de saúde de máis servizos, como por exemplo, psicoloxía clínica, tendo en conta que un 30% das consultas nos ambulatorios están relacionadas coa saúde mental.