parlamento galego

Pontón a Rueda: “Por entregarse ao egoísmo do centralismo, vai facer que Galiza quede como comunidade de segunda”

“Pisotea os intereses do País negándolle a quita da débeda e a chave dos seus cartos como xa ten Euskadi e vai ter Catalunya”, denuncia

“Onde estaba a preocupación do PP pola igualdade cando o Estado rescatou con 4.000 M€ as radiais madrileñas ou Caja Madrid con 22.000 M€ con cartos dos e das galegas”, pregúntase

A portavoz nacional, Ana Pontón, levou o debate do financiamento á sesión de control porque se trata dun asunto capital para Galiza ante o que o presidente da Xunta actúa ao servizo do PP de Madrid executando as ordes que lle chegan da rúa Génova a costa de “pisotear” os intereses dos galegos e das galegas.

A líder do BNG advertiu no cara a cara no Parlamento que a deslealdade de Rueda rebaixa o status do País ademais de supoñer a perda de millóns de euros: “Por entregarse ao egoísmo do centralismo madrileño vai facer que Galiza quede como comunidade de segunda”, denunciou. Pontón destacou que o servilismo e a submisión do xefe do Executivo ao centralismo explica que rexeite á quita da débeda negociada polo Bloque e pechar a porta a que Galiza teña “a chave dos seus cartos coma xa ten Euskadi e vai ter Catalunya”, explicou.

“Cando cruzou a porta da Moncloa non levaba o traxe de presidente da Xunta, senón o uniforme de obediente militante do Partido Popular madrileño”, recriminoulle en alusión á súa reunión co presidente do Goberno central, Pedro Sánchez.

A líder nacionalista criticou que Rueda lle negue ós galegos e ás galegas a xestión do 100% dos recursos e prefire que outros o xestionen desde Madrid ademais de vetar unha redución da débeda pública que o PP triplicada até situala en 14.297 millóns de euros. O custo desa débeda é, despois da educación e a sanidade, a terceira partida de gasto, superando ao que se inviste en dependencia, en investigación ou na loita contra a violencia de xénero, exemplificou. “Ten que explicar de que lado está, no dos galegos e das galegas ou no do señor Feijóo”, reclamoulle logo de acusalo de ser “un mero peón de Génova”.

“Aclare por que non quere ter máis cartos para sanidade, para educación ou para dependencia, porque a quita da débeda significa máis dispoñibilidade orzamentaria”, interpelou, logo de lembrar que o PP apoiou unha iniciativa do BNG hai un ano no Parlamento para reclamar unha condonación da débeda para Galiza no caso de que se lle concedese unha quita ás comunidades que acudiran ao FLA.

“Votou a favor, pero que pasou? Que chegou o señor Feijóo e mandou parar”, reprochou ao xefe do Executivo, a quen acusou de manterse “sempre manso e submiso" ao PP de Madrid, “aínda que vaia en contra dos intereses do País”.

Neste contexto, denunciou a incapacidade de Rueda para defender os intereses dos galegos e das galegas ante o Estado porque “como presidente non conseguiu absolutamente nada”. “A pregunta que ten que facerse é por que o lehendakari sae da Moncloa cunha senda de autogoberno con datas concretas e vostede sae coas mans baleiras”, cuestionou Pontón.

Logo de acusar ao presidente da Xunta de “boicotear os acordos do BNG a favor do País”, a portavoz nacional refutou o argumento da igualdade esgrimido polo PP na negociación do financiamento.

Matraca do PP

“Onde estaba a súa preocupación pola igualdade cando se socializaban as perdas da banca cun rescate millonario de 90.000 millóns de euros? Por certo, o burato máis grande de Caja Madrid, 22.000 millóns de euros que tamén pagamos os galegos e as galegas”, recriminou.

Nesta mesma liña, tamén cuestionou a preocupación do PP pola igualdade “cando se rescataban con 4.000 millóns as radiais madrileñas” tamén cos cartos dos galegos e das galegas, polo que pediu a Rueda que deixe de faltar ao respecto á cidadanía “con esa matraca centralista” de que Galiza é “un país pobre que vive da solidariedade madrileña”.

“Vivimos do noso traballo e temos capacidade para poder xestionar os nosos recursos, non nos pagan a sanidade e a educación desde Madrid, pagámolas cos impostos deste País”, recalcou para reclamarlle ao titular da Xunta que “deixe de enganar aos galegos e ás galegas”.

Propostas do BNG

Neste contexto, Pontón rematou a súa intervención pedíndolle que se sente “a concretar a quita da débeda que negociou o BNG” e que defenda “que temos a chave dos nosos cartos” como xa ten Euskadi e como vai ter Catalunya, mentres que “a única nación histórica que non vai ter ese status vai ser Galiza”, subliñou.

“Será a súa responsabilidade”, advertiu a Rueda, a quen pediu que rectifique “porque aínda está a tempo de evitar pasar á historia como o presidente da Xunta que sitúa a Galiza como unha comunidade de segunda aceptando as migallas do centralismo madrileño”, concluíu.