Pontón, ante a renuncia de Rueda á quita da débeda: “Estamos ante o presidente de Galiza máis desleal da historia”
Pídelle que rectifique unha decisión “disparatada” que toma ao ditado de Feijóo e Ayuso e coa que antepón os intereses do PP aos das galegas e dos galegos
Advirte que o pago da débeda é a 3ª partida dos orzamentos galegos logo da sanidade e a educación: “Como que non temos un problema?”, critica
A portavoz nacional, Ana Pontón, acusou a Alfonso Rueda de ser “o presidente de Galiza máis desleal da historia”, despois de que anunciase a decisión “absolutamente disparatada” de renunciar a unha quita da débeda pública, negociada polo BNG no pacto de investidura, de cara á súa reunión co titular do Executivo central, Pedro Sánchez.
“O señor Rueda ten que explicarlle aos galegos e ás galegas como é posible que haxa un acordo que asinou o BNG, que consegue o que el non fai, que é negociar que o noso País teña exactamente o mesmo trato á hora de condonar a débeda que calquera outra comunidade, e que teñamos ao presidente da Xunta dicindo que el non vai aceptar unha redución da débeda”, reprobou.
Ante unha posición da que dixo “non dar crédito”, a líder nacionalista criticou que a decisión de Rueda obedece única e exclusivamente a unha “estratexia partidista” onde “a señora Ayuso lle marca cal é a dirección ao señor Feijóo e o señor Rueda o único que fai é dicir ‘si bwana’, en contra dos intereses dos galegos e das galegas”.
“Estamos falando dos cartos da xente deste País, de cartos que saen dos seus impostos, e é absolutamente inaudito e unha auténtico despropósito que o señor Rueda nos diga que non vai aceptar unha redución da débeda”, criticou, para recalcar que é o propio presidente da Xunta “o que di que non quere que se cumpra ese acordo, un acordo beneficioso para Galiza”. “O nunca visto”, sintetizou.
Pontón indicou que con esta decisión o titular do Goberno galego demostra “que non toma decisións pensando en Galiza, senón nos intereses que lle mandan dende o PP de Madrid”, cun “servilismo” de tal calibre que está disposto a desaproveitar o acordo acadado polo BNG, aínda que isto supoña facerlle perder centos de millóns aos galegos e ás galegas.
“Para Rueda, o primeiro é o PP, despois o PP e despois o PP”, recriminou Pontón, quen afirmou quen non se pode permitir que o presidente da Xunta “siga hipotecando o futuro do País polos seus intereses partidistas”.
A portavoz nacional replicou con datos o argumento de Rueda, para quen a débeda pública non supón un problema para o País. Unha débeda, indicou, que o PP triplicou durante o seu mandato, mentres recortaba en servizos públicos e que alcanza xa os 14.297 millóns de euros, segundo o último dato publicado polo Banco de España.
Neste sentido, advertiu que Galiza paga máis pola débeda que outras comunidades, grazas á decisión tamén partidista do Goberno do PP, que renunciou aos mecanismos de financiamento que ofrecía o Estado para endebedarse coa banca privada.
“O pago da débeda é a terceira partida de gasto máis alta de todos os orzamentos despois da sanidade e a educación”, recalcou, para subliñar a continuación que só este ano o País terá que abonar 1.511 millóns de euros (189 millóns só en intereses), recursos que poderían ser destinados, por exemplo, á sanidade, á educación ou á atención á dependencia.
Así pois, e pese aso recortes do PP en servizos básicos, Pontón lembrou que o total da débeda pública ascende a máis de 5.000 euros por cada galego e cada galega. “Como que non temos un problema coa débeda? Como que a débeda non é un problema para os galegos e as galegas?”, denunciou en alusión ás declaracións do presidente da Xunta negando esta cuestión.
Pontón insistiu no inaudito dese anuncio incomprensible para calquera persoa. “E como se o banco te chama para ofrecerche unha redución da túa hipoteca e ti dis que non”, exemplificou.
A líder nacionalista tamén lamentou que, ao contrario que fixeron outros presidentes autonómicos do PP que xa anunciaron que ían negociar unha redución da súa débeda e buscaron o apoio do resto de forzas políticas dos seus territorios, a Rueda “non lle interesa a defensa dos intereses do País” e tampouco “cre” no diálogo.
Aínda así, Pontón mostrou toda a súa disposición para manter un encontro nese sentido co presidente da Xunta antes da súa reunión con Pedro Sánchez, se ben incidiu en que Rueda debe rectificar a súa decisión de renunciar a negociar un mellor financiamento para Galiza e á quita da débeda acadada polo BNG no acordo de investidura.