Pontón recrimina á Xunta a suba da factura do lixo de Sogama que castiga aínda máis ás familias no medio da crise de prezos
Avanza que o BNG reclamará a retirada da medida, que xunto á suba do canon da auga e ao “pelotazo” fiscal para 7.700 millonarixs, evidencia un Goberno do PP “sen corazón”
A portavoz nacional, Ana Pontón, recriminou á Xunta a suba da factura do lixo de Sogama que afectará a miles de galegos e galegas e que, segundo recalcou, evidencia un Goberno do PP ao que “lle preocupa máis que Naturgy teña beneficios que os problemas que teñen as familias para chegar a fin de mes” no medio da maior crise de prezos en 40 anos.
Logo dun encontro en Vilagarcía de Arousa con profesionais da sanidade pública e persoas afectadas polo deterioro da Atención Primaria na comarca do Salnés, a líder nacionalista considerou “inaceptable” esta medida que castiga aínda máis ás familias galegas no actual contexto económico.
“Vemos unha vez máis ao PP do lado do lobby eléctrico e sen importarlle os problemas que teñen as familias deste País para poder chegar a fin de mes”, reprobou, para advertir a continuación que “se non lles chegaba co que subiu a luz ou co que subiu a alimentación, agora imos ver como lles sobe tamén o recibo da auga a 320.000 familias e como se lles sobe a factura do lixo a todos os galegos e galegas”.
Neste sentido, avanzou que o BNG vai reclamar a retirada desta medida, que cualificou de “impresentable”, porque “non é de recibo que para compensar os 34 millóns de euros do pelotazo fiscal a 7.700 millonarios deste País, agora queiran que iso se pague subindo o canon da auga ou subindo a factura do lixo de Sogama”.
Para a portavoz nacional do Bloque este tipo de medidas demostran que “temos un Goberno do PP sen corazón”, tal e como reflicte o proxecto de orzamentos presentado pola Xunta para 2023 no que, segundo recalcou, “hai cero euros para incrementar o persoal en Atención Primaria”, pero que, sen embargo, acompaña dese “pelotazo fiscal” para 7.700 persoas “que teñen patrimonios de 6 millóns de euros”.
“E ademais o que nos di é que lle vai subir a factura da auga e a factura do lixo a miles de persoas neste País”, incidiu, para concluír que “é realmente impresentable e demostra ata que punto o PP ten un enorme desnorte” que presenta uns orzamentos “fóra da realidade”, instalado “nunhas posicións burocrácticas que non permiten darlle solucións aos problemas deste País”.