Pontón reclama a Rueda o estudo xurídico cara anular ampliación da concesión da AP-9 que Bruxelas ve ilegal
En relación ao informe sobre ALTRI: “Que o goberno do PP rectifique e poña os intereses de Galiza por diante dos intereses da multinacional”
A portavoz nacional, Ana Pontón, demandou a Rueda que complete o mandato do Parlamento galego en relación á AP-9 no que se reclamaba á Xunta a realización dun estudio para analizar todas as vías xurídicas que permitan anular a ampliación da concesión declarada ilegal por parte da Comisión Europea, “unha porta que abre Europa que debemos aproveitar para acabar cunha discriminación e cunhas peaxes que son unha estafa”. declarou.
“Preocúpame que o goberno de Rueda poida querer renunciar a esta vía e se limite só a falar da transferencia, cando esta alternativa é igualmente importante: anular a ampliación da concesión aprobada baixo o mandato de Aznar que é a todas luces un atraco para os galegos e as galegas. Por iso, o que ten que facer o señor Rueda é poñerse as pilas e elaborar canto antes ese informe xurídico para poder avanzar na anulación dunha concesión que Bruxelas ve ilegal”.
Pontón tamén solicita ao xefe do Executivo que remita á Cámara o informe sobre o custe do rescate da AP-9 difundido parcialmente aos medios de comunicación, para poder ter acceso a un estudo cuxa realización responde a unha proposta do BNG asumida polo resto dos grupos parlamentarios.
A líder do Bloque valorou igualmente o “contundente” informe do Consello da Cultura en relación a macro celulosa de ALTRI, instando a Rueda “a que tome nota e rectifique” en lugar de arremeter contra os e as académicas autoras do estudo e do órgano estatutario que o auspicia. “É lamentable ese ataque en lugar de escoitar o que esas persoas expertas están dicindo”, declarou.
“Confirma o que levamos denunciando, que ese proxecto é unha bomba ambiental con moitos prexuízos para Galiza, que vai prexudicar a actividades económicas que xa existen, que vai incrementar a superficie de eucalipto e que ademais crearía moito menos emprego do que a multinacional publicita”, alegou a portavoz nacional.
Pontón insta a Rueda a rectificar poñendo por diante os intereses de Galiza en lugar dos intereses dunha multinacional portuguesa.