Pontón propón unha negociación Galiza-Estado para lograr un modelo de financiamento propio adaptado á realidade do País
A portavoz nacional, Ana Pontón, reclamou ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, que defenda un modelo de financiamento xusto para Galiza fronte ao actual, referendado polo PP e asinado no seu día por Feijóo, que supuxo para o País a perda de 13.975 millóns de euros.
“No BNG temos claro que hai que acabar con esta discriminación e por iso defendemos un modelo de financiamento propio, singular, adaptado á nosa realidade, que nos permita ter a chave dos nosos cartos”, argumentou Pontón na sesión de control para pedir a Rueda que abra unha negociación bilateral co Estado fronte a unha “multilateralidade” cuxo resultado é a discriminación con Galiza, que paga unha “factura” de 14.000 millóns de euros, “o centralismo que vostede abraza, señor Rueda, sáelle moi caro a este País”.
A líder nacionalista advertiu que cada galego e galega recibe agora 391 euros menos do que lle corresponde, “ano tras ano desde 2009”, tal e como reflicte o Consello de Contas no seu informe sobre o resultado do actual sistema de financiamento entre 2009-2021 en termos de equidade e eficiencia.
“Que fixo o goberno do Partido Popular para cambiar un financiamento que nos discrimina e que, ademais, leva dez anos caducado? Nada, absolutamente nada”, criticou Pontón, quen acusou ao PP de ser “cómplice” desta discriminación e de non “non mover un dedo” para solucionala.
Na vez de pelexar para que Galiza recibise un financiamento xusto, Pontón recriminou ao Executivo do PP que, por riba, se convertese no “campión” dos recortes nos servizos públicos ao tempo que aplicaba unha política fiscal, tamén criticada polo Consello de Contas, “que consiste en baixarlle os impostos aos máis ricos, o que está incrementando ese burato do déficit que ten o sistema de financiamento”, denunciou.
“O Goberno do PP nin sabe, nin quere defender os intereses de Galiza en materia de financiamento e por iso perdemos máis de mil millóns de euros cada ano”, reprochou, para criticar a continuación os seus recortes nos servizos públicos “mentres triplicaba a débeda do País” e a súa incapacidade á hora de utilizar o seu escaso autogoberno fiscal para mellorar o financiamento. “O que fixo foi agasallos fiscais mentres deixa nunha situación moi preocupante os nosos servizos públicos”, incidiu.
Neste contexto, a líder nacionalista emprazou a Rueda a actuar na vez de limitarse a “seguir as ordes de Génova”. Pontón retratou a “incapacidade política” de Rueda ao pedirlle a portavoz do BNG “que faga o seu traballo como presidente para negociar o financiamento de Galiza” e reprochoulle que, cada vez que no Parlamento se aborda calquera asunto que pase por Madrid, teña que falar constantemente do acordo de investidura acadado polo BNG porque é incapaz de conseguir “absolutamente nada para este País”.
A portavoz nacional recordou que foi o PP e Núñez Feijóo como presidente da Xunta os que negociaron, apoiaron e asinaron un sistema de financiamento que lle fai perder a Galiza 14.000 millóns de euros, non o BNG que votou en contra do mesmo por ser contrario aos intereses dos galegos e das galegas.
Neste sentido, afirmou que a “multilateralidade” na negociación que defende Rueda está provocando a perda de 1.000 millóns de euros cada ano, o que considerou responsabilidade dun PP que cun modelo de financiamento caducado desde 2014 e cunha maioría absoluta no Goberno central de Mariano Rajoy non reclamou que se cambiara un sistema que era letal para os servizos públicos galegos.
“Estiveron calados, sempre ao servizo do centralismo”, recriminou a Rueda, ao que tamén lle reprochou o seu silencio agora, cando Núñez Feijóo asume como prioritario o criterio de poboación que beneficia a Andalucía pero que prexudica a Galiza. De igual xeito, pediu ao titular do Executivo que explicara porque o PP defendía un financiamento singular para Cataluña ou por que está defendendo un financiamento singular para Aragón e, sen embargo, receita “multilateralidade” para Galiza pese a que ese café para todos tivo como consecuencia un modelo de financiamento que discrimina a este País desde 2009.
Pontón criticou que, a día de hoxe, no se coñezan os criterios que defende o Goberno galego en materia de financiamento e que Rueda pida no Parlamento ao BNG que faga o seu traballo. “Gáñese o salario que lle pagan todos os galegos e as galegas”, concluíu.