Pontón propón máis autogoberno para GZ, fronte ao "traxe estreito" de Feijóo, Leiceaga e Villares
A candidata nacionalista á Presidencia, Ana Pontón, proclamou en Santiago que o BNG é a única forza política que aposta por dar un paso adiante para cambiar o actual marco para avanzar no autogoberno de Galiza e ter capacidade real de dar solucións aos problemas do país. Enfronte, os tres rivais candidatos, -Feijóo, Leiceaga e Villares-, empeñados en manter o mesmo traxe estreito para Galiza.
Estamos ante unha encrucillada no que os galegos e as galegas temos que apostar por dar un paso adiante, non é o momento dos parches, nin a Xunta é unha xestoría onde se cambian as caras duns xestores por outras. Desde o BNG apostamos por un cambio político e por abrir unha nova etapa para Galiza, salientou Pontón.
Por contra, -recalcou-, os candidatos Feijóo, Leiceaga e Villares que sorprendentemente defenden o mesmo marco porque os tres din que a Constitución e o Estatuto son o traxe que necesitan os galegos e as galegas, mentres que no BNG pensamos que é un traxe que nos vai estreito e que precisamos dar un paso real no noso autogoberno, incrementar a capacidade para poder facerlle fronte aos problemas do país e blindar un novo marco que garanta os dereitos sociais, explicou Pontón.
A candidata do Bloque puxo os recortes sociais como exemplo das limitacións que impón o actual marco constitucional e estatutario.
Hoxe é imposible desenvolver unha política seria e real que acabe cos recortes senón se cuestiona a Constitución, imposible que poda haber máis cartos para a sanidade, para a educación, para a dependencia senón apostamos por un novo modelo de financiamento que evite que o recadado polos impostos que pagamos os galegos e as galegas emigre, argumentou.
No caso concreto de Galiza, Pontón explicou que o estado recada aquí 3.000 millóns de euros máis dos que inviste, un argumento máis para que o BNG defenda un novo status para Galiza que garanta que eses recursos van servir para incrementar os servizos sanitarios, mellorar a escola pública, favorecer a creación de emprego e mellorar a situación da xente moza.
Equipo, proxecto, historia
Pontón amosouse convencida de que ese obxectivo de superar marcos que frean o futuro dos galegos e galegas é compartido por moitas persoas, inconformistas que non queren medias tintas e reclaman coraxe para dar un paso adiante e un futuro mellor para esta terra. O BNG é a alternativa de todas esas persoas, salientou.
A dirixente nacionalista encabezou un encontro de candidatos e candidatas que empezou cunha foto de familia en Santo Domingo de Bonaval, de cara a pulir a estratexia da recta final de precampaña, encontro que aproveitou para poñer en valor o proceso democrático de abaixo arriba de elección e aprobación das candidaturas. Temos equipo, temos proxecto e somos unha forza con historia, subliñou.
Alternativa diferente
Pontón non quixo entrar a valorar a situación de Marea e PSdG porque o Bloque non ten vocación de ser comentarista das liortas de ninguén, ao tempo que advertía que ese marco é o que lle interesa crear ao PP. Non imos entrar no xogo que lle interesa a Feijóo de falar da oposición a oposición para que non se escoiten as alternativas que ofrece o BNG.
O único lio que nós preocupa é o que deixan as políticas de Feijóo e de Rajoy que provocaron que no último ano medrara un 30% a pobreza e a que teñamos 700.000 galegos e galegas obrigados a vivir con menos de 600 euros ao mes. Darlle alternativa a estas persoas é a preocupación do BNG, concluíu.