Pontón presenta a Ernesto Filgueira como un candidato con experiencia, solvencia e “cos pés no chan”, o alcalde capaz de darlle a Cerdedo-Cotobade un futuro mellor
A portavoz nacional, Ana Pontón, participou no acto de presentación de Ernesto Filgueira como candidato á Alcaldía de Cerdedo-Cotobade nas vindeiras eleccións municipais, a quen definiu como “unha persoa con experiencia e con solvencia e coa capacidade para darlle a este concello un futuro mellor, en definitiva, o alcalde que precisa Cerdedo-Cotobade”.
A líder do Bloque subliñou tamén a faceta de cercanía de Filgueira, “unha persoa cos pés no chan”, a quen é fácil velo “defendendo causas xustas, traballando de xeito cooperativo polo ben dos veciños e das veciñas e participando naqueles proxectos que teñen a ver co ben público, coa mellora da vida de todas as persoas deste municipio”.
“O compromiso coa xente e co País definen a Ernesto, tras unha vida de activismo social desde diversas entidades coa veciñanza como protagonista, impulsando iniciativas comerciais pioneiras man a man co goberno de Pontevedra, desde o seu traballo na presidencia da comunidade de montes da parroquia de Viascón ou a loita contra ó espolio eólico”, citou Pontón a modo de exemplos da implicación social de Filgueira en defensa dos intereses do concello e da súa veciñanza.
“É un candidato cos pés no chan, honesto, con capacidade de liderado e enerxía incansábel para facer de Cerdedo-Cotobade un concello máis habitábel, que aposte polos seus recursos, que aproveite toda a riqueza dos sectores produtivos ou potenciando o rico patrimonio natural, paisaxístico e cultural”, recalcou.
Neste sentido, destacou que Filgueira presenta un proxecto de goberno que recolle “o potencial do monte para xerar riqueza cun uso sostíbel e produtivo, que concibe Cerdedo-Cotobade como un gran concello para vivir, con servizos públicos de calidade”.
“Sei que Ernesto terá como folla de ruta para este concello a defensa de servizos públicos de calidade, políticas de desenvolvemento económico que permitan un concello vivo, dinámico, desde a sustentabilidade e poñendo os recursos do municipio a favor dos veciños e das veciñas sen permitir que a riqueza natural da que dispón sexa pasto de ningún espolio do lobby eléctrico en colaboración co PP”, alegou.
Pontón fixo fincapé na capacidade do candidato para darlle un futuro mellor a un Cerdedo-Cotobae que hoxe perde habitantes, cunha poboación moi envellecida, cuxa veciñanza soporta unha sanidade pública chea de carencias polos recortes do Goberno do PP, que precisa melloras urxentes en seguridade viaria e sacar adiante a humanización dos espazos públicos. Urxencias ás que se suman a ameza dun boom eólico que pretende instalar catorce parques a maior beneficio das multinacionais eléctricas en conivencia co Partido Popular.
“No BNG traballamos cun proxecto claro, o que defende Ernesto Filgueira, un proxecto capaz de mellorar a vida das persoas desde os concellos, proxectos capaces de gañar espazos públicos para a xente, capaces de crear emprego dinamizando a economía local e aproveitando a riqueza do municipio a favor da maioría”, concluíu.
Pola súa parte, Filgueira expresou o seu agradecemento por ter sido elexido “por aclamación” pola militancia nacionalista e subliñou que afronta o reto “cunha enorme responsabilidade pero con moita ilusión e disposto a abrir un tempo novo en Cerdedo-Cotobade”. “Quero cambiar este concello da man dos veciños e das veciñas, cunha política pegada ao chan e desenvolver un proxecto transformador que poña en valor os recursos do noso municipio a favor da maioría social”, proclamou.
O candidato do BNG á Alcaldía deixou claro que outro Cerdedeo-Cotobade é posible, “porque é posible facer unha política municipal integradora, poñer en marcha un plan turístico propio, apostar por un modelo enerxético sustentable a favor da xente, é posible traballar pola igualdade e facelo dun xeito participativo, traballando coa veciñanza”, concluíu.