Pontón: " O PP segue alimentando os prexuízos contra o galego"
A deputada acusou o Secretario xeral de Política Lingüística de presentar un Plan de dinamización da lingua galega no tecido económico 2016-2020 que resulta un "corta e pega" do presentado no 2004 e sen ningunha partida orzamentaria.
Tras a comparecencia do secretario Xeral de Política Lingüística, Valentín García para informar do estado e futuro Plan de dinamización da lingua galega no tecido económico 2015-2020, a parlamentaria do BNG, Ana Pontón criticou o retroceso na aprendizaxe e uso do galego provocado polas políticas lesivas do Partido popular e un discurso que alimenta os prexuízos contra a lingua galega.
Na súa intervención Pontón afirmou que o Plan presentado polo secretario xeral é un corta e pega do presentado no ano 2004 co agravante, dixo, que non conta sequera cunha memoria económica financeira. Onde se aprobou este plan e con que contía preguntou a deputada porque acaban de ser aprobados os Orzamentos e non existe ningún incremento na Secretaría de Política Lingüística para o plan presentado hoxe.
O goberno segue incumprindo o Plan de Normalización Lingüística
Por outra parte, a deputada reiterou os incumprimentos dos mandatos establecidos por lei e dos acordos parlamentarios entre os que destacou a obriga do Goberno de remitir ao Parlamento un informe de avaliación da lei Paz Andrade que substituíu, dixo, por unha comparecencia que non aportou ningún dato nin información. O Goberno, recalcou Pontón incumpre a lei ao igual que incumpre o Plan de Normalización Lingüística aprobado no ano 2004 aprobado por unanimidade e coa obriga da Xunta a establecer mecanismos de seguimento, control e avaliación informando con regularidade ao Parlamento, levamos toda unha lexislatura sen cumprir con esta resolución.
A deputada dubidou do cumprimento do plan para a dinamización da lingua galega no tecido económico ante os moitos acordos incumpridos nesta materia polo Partido popular e cualificou de burla ao sistema democrático que o Goberno vulnere sistematicamente os acordos e as leis.
O PP segue cos mesmos prexuízos contra a lingua galega
A deputada reiterou que o Partido popular aínda non rectificou un discurso que lle fixo moito dano a lingua galega, agresivo e que pon a vítima como verdugo ademais de alimentar os prexuízos contra o galego argumentando que todas as medidas no ámbito da normalización lingüística son unha imposición e que poñen en perigo o castelán na Galiza.
A lingua galega segue nunha situación minorizada cun goberno que durante estes sete anos lexislou contra o galego, un goberno que prohibe que algunhas materias se dean en galego, no ensino infantil nas cidades sitúase na marxinalidade, eliminaron o requisito do galego para acceder á función pública, as axudas para a promoción do galego nos concellos, reduciron o apoio ao libro, despediron ao persoal CELGA e constatamos como nestes anos reduciuse a presenza do galego nos medios de comunicación, algúns deles moi ben subvencionados.
Non queremos que o galego sega nas marxes, queremos ter os mesmos dereitos que os demais e para iso precisase recoñecer o problema, realizar unha diagnose acertada e rectificar todos aqueles ámbitos nos que se aplicou unha política de demolición, concluíu.