Pontón: “ O Pobo galego merece saber que seguridade hai nas nosas vías ferroviarias”

Ana Pontón denunciou que o Goberno do Estado e algúns grupos no Parlamento galego “impiden que se investiguen as verdadeiras causas do accidente de Angrois”

A deputada do BNG, Ana Pontón formulou hoxe unha pregunta en comisión sobre as medidas, decisións e propostas da Xunta adoptadas no sistema ferroviario galego tras o “tráxico accidente” do 24 de Xullo na entrada de Compostela no que morreron 79 persoas e provocou decenas de ferid@s.

Pontón asegurou que o conxunto do pobo galego merece coñecer a información sobre a seguridade nas vías ferroviarias que descorren polo territorio galego e reiterou que a única responsabilidade do accidente non pode recaer no condutor, “a Xunta de Galiza ten a obriga de chegar ata o final das causas”, volveu dicir.

Tras a resposta da directora de Mobilidade, Camino Triguero Salas que cualificou de “conxeturas e comentarios” algunhas informacións mediáticas a nacionalista lamentou que a “transparencia” dos profesionais dos medios de comunicación non se corresponda co proceder da Xunta ante o accidente ferroviario e criticou que Feijóo demostre “ unha hipocrisía política sen límites” cando afirma publicamente que se investigará o accidente de Angrois e vota en contra no Parlamento galego a creación dunha comisión de investigación. Máis unha vez, dixo, vemos a “lixeireza e cinismo político” do Presidente da Xunta de Galiza.

A parlamentaria reiterou a solidariedade e apoio do BNG a todas as vítimas e recoñecemento aos veciños e veciñas e servizos públicos que traballaron nesas “fatídicas horas” e que sen dúbida, dixo, contribuíron a que a catástrofe fora menor.

Investigar as causas para honrar a memoria das vítimas

Dende o BNG consideramos que a mellor maneira de honrar a memoria de todas estas persoas é “investigar sen ataduras nin apriorismo e ata o final” e lamentou que o Goberno do Estado e algúns grupos parlamentarios na Cámara galega impidan esa investigación.

Neste sentido, a deputada deu lectura a parte do auto do proceso xudicial relativo “ á omisión de medidas de seguridade preventivas de natureza vial e cunha conduta imprudente das persoas responsables de garantir unha circulación segura no tramo da vía onde se produciu a catástrofe” polo que reiterou a necesidade de crear a comisión parlamentaria de investigación.